Regresividade fiscal na Xunta: deixa de recibir 12 millóns por reducirlles 2.000 euros polo imposto de Patrimonio aos máis ricos

Publicado por o día 25/01/2019 na sección de Política,PSOE

Regresividade fiscal na Xunta: deixa de recibir 12 millóns por reducirlles 2.000 euros polo imposto de Patrimonio aos máis ricos

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou hoxe ao goberno galego de ter consolidado a “regresividade fiscal” ao reducirlle 2.000 euros do imposto de Patrimonio para cada un dos 7.312 máis ricos de Galicia e provocando a perda de 12 millóns de euros de ingresos para os servizos públicos. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para avaliar o impacto das medidas fiscais en Galicia, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista advertiu que manter o imposto de Patrimonio tal e como estaba, logo de ter sido incrementado en 2013, “non vai ser obstáculo para deixar de recadar nin vai evitar que veña ao noso país quen queira investir”. Así o dixo logo de que o PP anunciara o seu voto en contra a esta iniciativa presentada para “corrixir cas consecuencias devastadoras da crise na desigualdade de Galicia”.

A proposta socialista reclamaba, ademais dunha avaliación do impacto das medidas fiscais, a constitución no Parlamento dunha mesa de debate para “acordar as rebaixas fiscais selectivas que debe adoptar o Goberno galego”. Tamén solicitaba “garantir que os servizos públicos de Galicia teñan o nivel necesario de financiamento que nos iguale aos países máis desenvolvidos da UE”.

Consello de Contas

A responsable socialista criticou o cambio de postura do PP, que hoxe ten votado en contra de pedirlle á Xunta que cumpra coas recomendacións do Consello de Contas para facilitar información sobre a Conta Xeral da Comunidade Autónoma. Rodríguez Rumbo advertiu que no mes de marzo pasado votaban a favor de cumprir coas recomendacións da fiscalización do Exercicio de 2015, pero hoxe o rexeitan para os exercicios de 2016 e 2017.

Rodríguez Rumbo advertiu que “tódolos anos as contas xerais da Xunta traen a mesma recomendación do Consello de Contas”, e sinalou que “a de 2017 tamén a incluirá porque a día de hoxe non teñen adoptado as medidas”, evidenciando a “pouca intención da Xunta de aprobar e poñer en funcionamento as recomendacións do Consello de Contas”.

O ente fiscalizador reclamaba que a memoria da Conta Xeral incorporara información da situación financeira global do sector público autonómico, da execución de beneficios fiscais, do volume de endebedamento e grao de cumprimento dos obxectivos e do estado agregado dos compromisos e gastos futuros do sector público autonómico.

Reclamou así un “exercicio de transparencia” tamén á hora de aprobar un Plan de Contabilidade Pública “que cumpra co proceso de harmonización contable” e faga “máis doado ver a contabilidade, facer a súa lectura e darlle máis claridade para a cidadanía”.