Reivindicación limpeza das praias no taller para persoas con diversidade funcional

Por o 24/08/2017 | Sección: Cangas,Galicia
Reivindicación limpeza das praias no taller para persoas con diversidade funcional
Compartir en:

O Taller desta tempada para Persoas con Diversidade Funcional, no que están integrados membros da Asociación Juan XXIII e de Aspamsim, está enfocado na recollida de lixo, concretamente estase levando a cabo unha campaña de reivindicación e concienciación da limpeza nas praias.

Foi a principios deste mes de agosto cando comezou o obradoiro, o cal está formado por dous grupos. Desde o primeiro día encargáronse de investigar sobre o mundo e as características das praias, informándose e documentándose sobre as mesmas, comparando a situación pasada coa actual e observando os diferentes tipos que existen, tendo en conta os diversos tipos de area, diversas localizacións, etc. Ademais, algo que os axudou neste labor foi o poder desprazarse ata Rodeira, lugar no que indagaron máis concienciudamente, documentando con fotos e vídeos en todo momento o que foron achando.

A mensaxe que queren sacar a relucir é que temos o pracer de contar con praias espectaculares, contornas naturais que deben manterse en bo estado en todo momento. Por iso, mañá, día 25 de agosto, a partir das 11:30 horas, desprazaranse desde o Centro Social de Cangas ata a praia de Rodeira para facer unha chamada de atención á toda a cidadanía. Alí dirixiranse a todos e a todas para lanzar unha mensaxe moi clara: o lixo, sobre todo as cabichas, non deben tirarse na natureza. O seu obxectivo é preservar o espazo natural co que contamos, algo ao que se ten que sumar cada persoa. Un pequeno xesto acábase transformando nunha gran obra.

O concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, Tomás Hermelo, convida á veciñanza a que colabore con esta iniciativa. Ademais da súa finalidade medioambiental e social, todas os asistentes poderán gozar dun acto reivindicativo e de protesta cargado, á súa vez, de bo ambiente, alegría, música e disfraces. A idea é intentar lograr un cambio a mellor a través do positivismo.

Actividades

As actividades que se levaron a cabo neste obradoiro foron diversas e variadas, pero todas centradas, como se mencionou anteriormente, no mundo das praias. Os integrantes crearon carteis que xa foron colocados na praia de Rodeira coas seguintes mensaxes: “Respecto ao medio ambiente”, “O lixo tense que tirar na papeleira”,
“Descabichar a beach” ou “Mima a praia”, entre outras.

Cada membro do taller tamén se encargou de debuxar a súa propia ola, de crear a súa propia praia, etc. Todas as actividades están encamiñadas a fomentar a creatividade, sacar o mellor e máis artístico de cada persoa. “Nos talleres aprendemos moito de cada un, descubrimos cousas novas, axudámonos e pasámolo ben”.