Reivindicando a Rosa Chacel e as súas posibilidades

Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

“Non podemos esquecer por máis tempo a unha autora que foi quizais a representante máis auténtica da novela de vangarda” e cuxo empeño no “oficio de pensar” deixou un “legado ensaístico de extraordinaria riqueza”. Así expón Ana Bande, bibliotecaria da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, a importancia de reivindicar a figura de Rosa Chacel, escritora da xeración do 27 arredor da cal centra o seu traballo investigador.

“Dende que traballo como bibliotecaria na Universidade de Vigo compaxino o traballo de apoio á docencia e á investigación facilitando acceso a ferramentas informativas variadas coa investigación sobre Rosa Chacel”, comenta Ana Bande, licenciada en Xeografía e Historia. A investigación dende fóra do ámbito académico, sinala, “é moi difícil”, pois “non estar nun grupo de investigación nin pertencer ao cadro de persoal docente é un atranco para poder afrontar unha investigación ambiciosa que precisa financiación e tempo importante”, dificultades que non lle impiden porén desenvolver o seu traballo arredor da escritora vallisoletana.

O seu interese pola obra de Rosa Chacel (Valladolid, 1898-Madrid, 1994), indica, comezou partir do estudo da súa novela Memorias de Leticia Valle. “Cando elixín esta obra para analizala nun club de lectura non podía imaxinar a complexidade da novela nin a rigorosidade e beleza deste texto”, comenta Ana Bande. A “teima chaceliana por sabotear calquera posibilidade de previsibilidade na narración, que fai tan atractiva como difícil a súa obra”, sinala, “funcionou como un reto para min e non parei ata determinar o significado desta magnífica novela”. Nela, apunta, descóbrese como “a narrativa de Chacel ten un fondo filosófico que permite afondar na complexidade interior do ser humano dun xeito comparable ao de Virginia Woolf ou Iris Murdoch, por exemplo”.

A muller

Segundo explica esta bibliotecaria da Facultade de Filoloxía e Tradución, foi a profesora de literatura María Jesús Fariña a que incentivou este interese por Rosa Chacel, destacando como a súa “confianza no meu traballo foi a que fixo posible todo o camiño que teño percorrido na investigación sobre ela ata agora”. Froito deste interese, Ana Bande realizou a súa primeira investigación sobre a escritora vallisoletana, publicada nun artigo titulado Rosa Chacel y sus posibilidades na Revista de Escritoras Ibéricas en 2016. Nesta investigación, Bande afondou na conferencia La mujer y sus posibilidades, impartida por Chacel no Ateneo de Madrid en 1921, cando tiña 23 anos. “Lamentablemente o texto da conferencia perdeuse pero quedou a noticia como testemuña da que quizais foi a maior preocupación vital e intelectual da autora: o tema da muller e a relación entre os sexos, ao que dedicaría moitos dos seus mellores ensaios”, comenta a investigadora. Sobre esta cuestión, Ana Bande apunta como “sorprendeume moito sempre a anticipación e rigor con que Chacel abordou o tema da muller nun contexto totalmente desfavorable. Non esquezamos que o mundo científico dos anos 20 e 30 empeñábase en demostrar a inferioridade biolóxica da muller, logo da revolución que provocou a aparición das primeiras reivindicacións feministas”.

Na temática relacionada coa muller, Ana Bande pon en relevo na traxectoria de Rosa Chacel o ensaio que publicou en Revista de Occidente en 1931 titulado Esquema de los problemas actuales y prácticos del amor. Sobre el, a investigadora interveu no Congreso internacional El exilio filosófico e intelectual español de 1939, ochenta años después, celebrado o pasado mes de setembro na Universidad de Salamanca. Desta obra da escritora, Bande salienta “o xeito tan absolutamente atrevido para a época no que a autora desacredita as teses misóxinas que sobre a muller publicaban os intelectuais máis respectados en Europa”. Así, subliña, nese ensaio Chacel rebate con autoridade as ideas sobre a muller de Carl Jung e George Simmel e indirectamente as de Ortega y Gasset, xa que se trataba dos dous mentores do seu mestre, apoiándose nas teorías sobre o espírito do filósofo Max Scheler. “A propia existencia deste ensaio, o feito de que Ortega llo publicase na revista máis prestixiosa de España, indica a certeza que o filósofo tiña da rigorosidade de pensamento de Chacel”, indica a bibliotecaria da Universidade de Vigo.

A súa relevancia

Na literatura, detalla Ana Bande, lémbrase á xeración do 27 case exclusivamente pola poesía, pero “Chacel representa a renovación da novela adaptándose, dende a súa absoluta liberdade creadora, aos presupostos europeos máis vangardistas”. É preciso, recalca, “estudar a súa obra novelística dende estes presupostos, e valorala como merece porque valorala é valorar a nosa literatura e o noso pensamento”. Igualmente subliña a investigadora como os contos “metafísicos” de Chacel, a narrativa breve, “constitúen un orixinal traballo, tan destacable pola súa perfección formal como polo seu inquietante contido”.

A relación da obra de Rosa Chacel coa de autores europeos como James Joyce é outro aspecto subliñado por Ana Bande. “A temperá lectura de Joyce fixo que Chacel compuxese unha obra tan contemporánea como Estación. Ida y vuelta, un texto tan descoñecido como desconcertantemente contemporáneo que non foi comprendido na súa época e que será o embrión dunha magna obra, La sinrazón, cuxa riqueza aínda está por descubrir na nosa contorna”, indica. Ademais desta influencia, respecto á relación con outros autores, Ana Bande lembra como no arquivo da escritora depositado na Fundación Jorge Guillén de Valladolid custódiase a súa correspondencia “riquísima” con personalidades tan relevantes para a cultura como Ana María Moix, Pere Gimferrer, Juan Pedro Quiñonero, “aos que lle debemos a recuperación da obra chaceliana en España nos tempos da ditadura”, Juan Gil Albert, Nikos Kazantzakis, Máximo José Khan, Gregorio Priego e María Zambrano.

A pesar desta relevancia, Ana Bande recalca como “non houbo en España toda a investigación académica que a obra filosófica e literaria desta autora merece, de xeito que a día de hoxe a mellor investigación sobre Chacel  procede do ámbito anglosaxón”. Por iso, indica, e tendo en conta como “hoxe en día teño contacto coas mellores estudosas da súa obra e tamén co amigos de Rosa”, “tiña en proxecto abordar unha biografía que recollese testemuñas que aínda son voces directas que falan dende un contacto real coa autora”. Outra liña de investigación prevista pola investigadora é “o papel importantísimo e absolutamente descoñecido de Rosa Chacel como intelectual e pensadora política no momento da Guerra Civil”.

“Temos que traballar para que a obra de Rosa Chacel chegue a máis xente por moitísimas razóns”, comenta Ana Bande. Así, subliñando o respecto á palabra da escritora estudada, a bibliotecaria sinala como “hoxe máis que nunca temos que recuperar ese ímpeto na procura da verdade, da beleza e da piedade (hoxe diríamos empatía) que fai posible e amable a existencia”. A estes elementos a investigadora engade “a riqueza do pensamento chaceliano, as posibilidades que se atopan nos seus textos, porque tratou unha gama amplísima de temas e xéneros, sempre dende unha pureza de pensamento que nos brinda posibilidades sempre suxestivas de reflexión”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.