Relanzan dez publicacións dos autores máis representativos da Xeración Nós

A mostra ‘Galicia, de Nós a nós’, que xa foi visitada no Gaiás por máis de 10.000 persoas, estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partir do 18 de febreiro

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, presentaron hoxe en Ourense a Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.

Durante a presentación dos volumes, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou.

Neste mesmo sentido, Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas está “marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto, tal e como sinalou, é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, o titular de Cultura descubriu a placa conmemorativa co nome desta dotación cultural no complexo de San Francisco.

Títulos incluídos

A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leira, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudadeEntre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.

“Esta é unha iniciativa na que contamos co mellor aliado: Galaxia, unha editorial que simboliza a resistencia cultural do galeguismo e que está moi vencellada tanto a Nós como a Ramón Otero Pedrayo, presente na súa primeira asemblea”, subliñou o conselleiro antes de engadir que se trata dunha editorial con máis de 70 anos de historia e case 4.000 libros editados. “Galaxia dispón dun catálogo con autores ilustres como Castelao, Risco ou Cuevillas”, sinalou.

Conmemoración da efeméride

O lanzamento desta nova colección enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que, a pesar das dificultades da pandemia, se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra que xa foi visitada na Cidade da Cultura por máis de 10.000 persoas de xeito presencial e que chegará á cidade de Ourense o vindeiro 18 de febreiro. Así, tal e como explicou o conselleiro, as máis de 300 pezas que compoñen esta mostra e que proceden de España, Francia, Alemaña e Portugal estarán expostas no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata abril de 2021.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM