Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial o 13 de setembro na Guarda

Publicado por o día 04/09/2019 na sección de A Guarda,Galicia

Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial o 13 de setembro na Guarda

O vindeiro venres día 13 de setembro o Centro Cultural da Guarda acollerá un Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial a cargo de Amelia Tiganus e no que colabora o CIM(Centro de Información á Muller) da Guarda .

O acto, que terá lugar ás 20:00h, tratará sobre os Avances e retos de futuro na loita contra a trata e explotación sexual de mulleres e nenas. En tempos de globalización e neoliberalismo, a explotación da sexualidade  feminina convertiuse nunha industria, unha das máis puxantes a nivel  mundial. A cuarta onda do feminismo ten no centro da súa axenda a  violencia sexual incluíndo dentro da mesma a prostitución e a pornografía.

Tendo ese marco presente, no relatorio, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista  e o marco legal, cunha análise crítica desde a experiencia vivida e sentida. Desgranará os intereses xeopolíticos que hai  ao redor de legalizar a Trata con Fins de Explotación  Sexual en España, deixando ao descuberto todos os actores do Sistema  Prostitucional, e analizará o papel da demanda no mantemento da explotación sexual de mulleres e nenas

Os obxectivos  deste relatorio son (re)pensar sobre a implicación e  tolerancia social que existe ao redor da mercantilización do corpo das  mulleres e nenas e as graves consecuencias que supoñen sobre a saúde física  e psicolóxica das mesmas, así como identificar e incluír nos debates aos demais actores que inflúen e pechan o círculo  desta realidade. E, como parte  adxacente a isto, analizar a importancia da coeducación e dos valores  transmitidos a través da ensinanza e dos modelos familiares, culturais,  sociais e políticos. Contaremos co relato de quen convertiu a loita  feminista no sentido da súa vida despois de ter sido vítima de trata e explotada sexualmente durante cinco años nos prostíbulos españoles. Coraxe,  empoderamento, resiliencia e militancia feminista: claves para converterse en suxeito político.

“Son unha privilexiada por moitas razóns pero principalmente por poder  pensar. Pensar  paréceme un acto de rebeldía. Algo tan humano como iso  foime arrebatado -como a moitas mulleres- a través da violencia simbólica, a  violencia psicolóxica, a violencia física, a violencia económica, a violencia  sexual, a violencia institucional, a violencia sociocultural… As putas somos  atravesadas por todas as violencias. Puiden despertar de aquela sensación de  estar morta en vida o día que descubrín que a miña  historia non era algo persoal senon a historia de moitas mulleres; a historia de mulleres que o patriarcado  pon a disposición dos homes de maneira pública. E empecei a pensar, a  indagar, a encontrar respostas, a perder o medo e a vergonza e a sentirme  na obriga ética de actuar. Porque eu puiden saír  dese campo de  concentración que é a prostitución pero millóns de mulleres siguen alí,  sufrindo a pérda de identidade, a tortura física e psicolóxica, o medo, o  descoñecemento, o silencio, a indiferencia, o esquecemento e o desamparo do  Estado proxeneta e da sociedade cómplice.”

Sobre Amelia

Amelia Tiganus é una activista feminista , nacida o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español. Publicou varios artigos, de entre os que destaca ‘La revuelta de las putas’,e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.

Foi coordinadora en Feminicidio.net durante tres anos e recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor en pro dos dereitos humanos das mulleres e as nenas. Nos últimos tres anos impartiu máis de 150 relatorios, charlas e obradoiros por todo o territorio español e tamén en Arxentina e Alemaña.

Das súas varias aparicións en televisión, destaca Salvados – Las invisibles , un programa de máxima audiencia da Sexta – onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole. Tiganus deixa claro que: «Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente».