Remata a primeira fase da longametraxe sobre o 10 de Marzo

A principios de mes rematou a primeira fase de rodaxe da longametraxe documental “Galicia 10 de marzo”, na que colabora o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. A fita céntrase nos tráxicos feitos acontecidos en Ferrol en 1972 e que deron pé ao establecemento desa data como Día da Clase Obreira Galega.
Publicado por o día 10/03/2020 na sección de CC.OO,Cultura,Sindicatos

Remata a primeira fase da longametraxe sobre o 10 de Marzo

A principios de mes rematou a primeira fase de rodaxe da longametraxe documental “Galicia 10 de marzo”, na que colabora o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. A fita céntrase nos tráxicos feitos acontecidos en Ferrol en 1972 e que deron pé ao establecemento desa data como Día da Clase Obreira Galega.

Dirixida por Roi Cagiao e coa produción executiva de Emilio J. Fernández, a primeira fase consistiu na rodaxe de entrevistas a máis dunha ducia de protagonistas dos feitos, entre os que se inclúen líderes sindicais da época nos estaleiros Bazán (Ángel Porto, Ramiro Romero e Rafael Pillado) e Astano (Suso Díaz e Xan Carballal), así como distintos dirixentes e activistas do Partido Comunista (Fernando Miramontes, Sari Alabau, Fina Varela, Encarna Puentes e Ánxela Loureiro) ou algún dos denominados cregos roxos (Anxo Currás e Vicente Couce).

Galicia 10 de marzo chegará despois do éxito logrado polo director Roi Cagiao e a produtora Arthur Gordon hai case tres anos co documental Vigo 1972, que contou tamén coa colaboración de CCOO e que estivo sete semanas consecutivas na carteleira.

Este novo filme, que se agarda para comezos de 2022, «vén, en realidade, a completar a idea orixinal, de abordar o significado que o ano 1972 tivo para Galicia, ao se situar na vangarda da reivindicación social», sinala o director. «Cronoloxicamente, o filme abrangue desde a elección do xurado de empresa no ano 1971 ata a liberación dos últimos procesados en febreiro de 1976», conclúe Cagiao.

Coa colaboración de CCOO

Galicia 10 de marzo, con Iñaki Varela compartindo a escrita do guión con Roi Cagiao, conta co asesoramento histórico de José Gómez Alén e Víctor Santidrián. As entidades patrocinadoras do filme son Navantia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia. Ademais, conta coa colaboración da Fundación 10 de Marzo de CCOO e participan a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Federación de Pensionisas e Xubilados de CCOO de Galicia e o Centro de Negocios Witland.