Remata o prazo para solicitar as axudas de investigación da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo

Co obxectivo de fomentar o coñecemento no eido da sociedade dixital en estudos de xénero

O 24 de xullo Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra renovaban a súa colaboración a través da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Un mes despois lanzábase, no marco deste acordo, unha nova convocatoria das axudas de investigación que teñen como obxectivo de fomentar o coñecemento no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos de xénero.

A convocatoria, que remata este venres 4 de setembro, quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres. A contía das subvencións será de como máximo de 6000€ por cada proxecto de investigacións.

Os proxectos que se presenten poderán versar sobre a investigación de forma xenérica sobre temas e perspectivas epistemolóxicas e metodolóxicas feministas sobre a cultura e a sociedade dixital en torno aos contidos abordados nas titulacións impartidas nos campus de Pontevedra ou Vigo e debe concretarse en temas como deseño de apps ou videoxogos con perspectiva de xénero ou feminista; cibersororidade; analítica dixital e implicacións éticas da Intelixencia Artificial; o androcentrismo dos algoritmos e a perspectiva de xénero na web; os imaxinarios de xénero e o universo simbólico da rede; internet con perspectiva de xénero; o xénero nas redes sociais; o ciberactivismo feminista; as violencias de xénero nas redes; a arqueoloxía dixital; a agronomía dixital; arte e deseño dixital; o hacker ético e feminista; a historia das científicas e programadoras ou as mulleres nas STEM.

Poderán participar nesta convocatoria os grupos de investigación que conten cun docente ou investigador doutor ou doutora a tempo completo como investigador principal, con vinculación laboral á Universidade de Vigo durante o período de execución do proxecto de investigación, sendo o seu destino os campus de Vigo ou Pontevedra, así como o persoal investigador doutor con adscrición a un grupo de investigación da UVigo e que acrediten vinculación laboral coa Universidade de Vigo durante o período de execución do proxecto de investigación, sendo o seu destino algún dos campus universitarios da UVigo situados na provincia de Pontevedra.

Os criterios de avaliación

Para a selección das propostas presentados, a comisión de avaliación valorará cun máximo de dous punto o Cv da ou do investigador principal e do seu equipo con perspectiva de xénero; ata tres puntos se a proposta representa unha achega innovadora para a provincia de Pontevedra; ata outros tres o feito que supoña unha achega de investigación en sociedade dixital con perspectiva e xénero e/ou feminista; con outro punto a adecuación da planificación proposta ao orzamento solicitado e con outro punto a maior presenza numérica de mulleres ou paridade de xénero no equipo.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM