Rematan as obras de mellora da estrada que vai desde O Barqueiro ata o porto de Bares para recibir á Volta Ciclista a España

O delegado territorial da Xunta na Coruña explicou que os traballos se iniciaron no mes de abril, cun prazo inicial de execución de 9 meses, pero foron reorganizados para estar rematados antes do 6 de setembro para acoller a volta ciclista a España
Por o 03/09/2018 | Sección: A Coruña,Ferrol,Galicia
Rematan as obras de mellora da estrada que vai desde O Barqueiro ata o porto de Bares para recibir á Volta Ciclista a España

O delegado territorial da Xunta da Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, supervisou hoxe o remate das obras na estrada AC-100, que vai desde O Barqueiro ata o porto de Bares, nas que se investiron 1,3 millóns de euros.

Segundo sinalou, os traballos se iniciaron no mes de abril, e contaban cun prazo de execución de 9 meses, pero foron reorganizados ao coñecerse que a Volta Ciclista a España pasaría por esta estrada do Concello de Mañón.

O responsable autonómico agradeceu “o importante esforzo que fixo a empresa adxudicataria para axilizar os traballos, cumprindo o obxectivo que se marcou a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, de ter rematada esta actuación antes do 6 de setembro”. “Co remate desta obra, engadiu, conseguimos mellorar unha das estradas principais deste concello e mellorar a imaxe que recibirán os corredores ao seu paso por este concello”. Neste senso, lembrou que “a Volta Ciclista a España é un gran escaparate para o mundo e por iso para nós era prioritario ter esta obra rematada neste prazo e o conseguimos”

Características da intervención

Ovidio Rodeiro explicou que as obras de acondicionamento da estrada estendéronse ao longo de 4,8 km, entre a travesía do Barqueiro e a entrada á Vila de Bares, tendo como obxecto a intervención a súa ampliación na anchura necesaria para acadar os 6,5 metros, ademais de dotala dunha cuneta de seguridade nos treitos nos que sexa necesario.

O delegado territorial apuntou que se realizaron pequenos desmontes para a ampliación e a redistribución da plataforma existente dentro da zona de dominio público da estrada, polo que non foron necesarias expropiacións. A actuación complétase, engadiu, coa reposición do firme, a ampliación das obras de drenaxe alí onde sexa preciso e coa renovación de sinalización, balizamento e defensas.

A actuación tivo como obxectivo adecuar a estrada que vai ata o porto de Bares, favorecendo a mobilidade e asegurando desprazamentos máis cómodos e seguros, xa non só aos veciños de Mañón, senón a todos os usuarios que se achegan ata o porto ou a outros centros de actividade, como pode ser a canteira á que se accede desde esta estrada.

Reforzos de firme en varias estradas autonómicas

O delegado territorial lembrou tamén as obras que realizaron na zona destinadas ao reforzo de firme en varias estradas autonómicas ao seu paso polo termo municipal de Mañón, cun custe de 250.000 euros.

Entre estas intervencións destacan as obras nesta mesma estrada de fresado e reposición do firme no treito inicial, e tamén no seu remate, no porto de Bares. Ademais das que se obras na estrada AC-862, que comunica Ferrol con San Cibrao.

Comentar noticia

Your email address will not be published.