“Rendas de inclusión requiren unha condición previa de pobreza. Por iso, a renda básica dignifica as persoas”

Así afirma o economista F. Martínez na palestra de Podemos Galicia sobre renda básica.
Por o 11/11/2016 | Sección: Podemos,Social,Vigo
“Rendas de inclusión requiren unha condición previa de pobreza. Por iso, a renda básica dignifica as persoas”

Ás 20.30 da tarde do mércores daba comezo en Vigo a segunda palestra da xira que o economista e membro do Círculo Podemos Renta Básica, Fernando Martínez, está levando a cabo pola xeografía galega para dar a coñecer esta proposta e que comezou hai dez días en Gondomar. O acto contou coa asistencia dunhas corenta persoas, que ateigaron o café “La Corsa del Palio”, onde se celebrou a palestra. Nela tamén interviñeron Marta Díaz, do Círculo de Pontevedra, e Sergio Míguez, pertencente á Xeración Morada. Completou o cartel Carlota Leiras, membro do Foro Socioeduativo Os Ninguéns, que falou das actuais rendas de inserción.

Martínez empezou a súa intervención sinalando que en España había no 2015 máis de 757.000 fogares sen ingresos de ningún tipo, mentres que os fogares máis desfavorecidos perderon entre 2007 e 2011 aproximadamente un 13% de renda anual. O 10% máis acomodado, pola súa banda, perdeu un 1,5% anual. Neste marco xeral, o economista desmontou tamén o mito de que as rendas máis altas son as que máis impostos pagan, amosando como é a cidadanía máis empobrecida a que máis impostos paga en proporción aos seus ingresos, un efecto que atribuíu á subida do IVE.

O poñente tamén referiu algúns dos mitos que rodean á renda básica, entre os que destacou o manido argumento de que a medida non é sostible. Para Martínez, o modelo econométrico elaborado sobre dez millóns de declaracións de renda (reais e anónimas), “resultou sostible en tódalas simulacións, cun modelo no que a cidadanía maior de 16 anos recibiría unha Renda Básica de 643,33 €, e os menores desa idade 193,59 €”.

“As rendas de inclusión existentes parten dun requisito previo que é a condición de pobreza. A Renda Básica dignifica ás persoas ao eliminar dito requisito e percibirse simplemente polo feito de ser cidadán ou cidadá e o único que faría falla para facela sostible economicamente sería incrementar os tipos impositivos ata a media da UE”, matizou. “Non é certo que sexa preciso impoñer tipos confiscatorios”, negou.

“Pero os efectos non se limitan só á dignidade, que xa sería moito, senón que tamén se despregarían sobre o mundo laboral, onde a Renda Básica reforzaría a capacidade negociadora dos traballadores, á vez que axudaría a poñer en valor o traballo voluntario ou social”, servindo tamén para “mellorar a remuneración dos traballos desagradables ou penosos, poñer coto á economía somerxida, reducir a fenda salarial entre os que máis gañan e os  que menos e forzaría ó peche aquelas empresas que teñan o traballo escravo ou semi escravo como base da súa organización”, concluíu.

Foi entón a quenda de Marta Díaz, que puxo en relación a Renda Básica coa dignificación do traballo de coidados, “que se desenvolve de xeito invisible no fogar e en condicións de infraemprego en moitas empresas”. “Un traballo de coidados que, maioritariamente, levan a cabo mulleres e que se cuantifica nun 0,5% do PIB español”, engadiu antes de referirse ás “situacións de violencia machista, que en moitos casos non permiten ás mulleres fuxir por non poder manterse de xeito autónomo e vense condenadas a soportar malos tratos como consecuencia da súa situación de dependencia, algo que non se daría se existira unha Renda Básica”. “A Renda Básica é eficaz para paliar certas clases de pobreza, específicas da muller”, rematou.

Sergio Míguez, de Xuventude Morada, reflexionou sobre os efectos da medida sobre a taxa de natalidade, que se sitúa a día de hoxe en 1,3 fillos por parella, mentres que a taxa de reposición se sitúa en 2,1. Para Míguez, isto explícase pola precariedade do emprego da xente nova “que non se pode independizar ata ben maiores e que apraza os seus proxectos vitais, cando non renuncia a eles”. “A Renda Básica permitiría a emancipación temperá da xuventude e facilitaría o acceso á vivenda”, indicou.

Pechou a rolda de ponencias a voceira do Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Carlota Leiras, que falou sobre o funcionamento das rendas de inserción existentes na actualidade e puxo o matiz crítico sobre a Renda Básica, pois o colectivo considera que “é unha medida positiva, pero non cremos que unha sociedade que se escandaliza porque un desempregado de longa duración perciba unha axuda de 426 € estea preparada para unha medida de tanto calado”.

Rematadas as exposicións, abriuse unha quenda de debate na que tamén participou a socióloga e deputada autonómica, Magdalena Barahona.

A rolda de palestras continúa esta fin de semana, con tres novas edicións: en Chantada o sábado día 12 ás 11.30 e no Barco ás 19.00, rematando o domingo ás 11.30 en Ponte Canedo.