Renóvase o comité técnico de coidados paliativos e énchese de fotografías o andar de hospitalización destes coidados do naval

Por o 12/10/2018 | Sección: Sanidad
Renóvase o comité técnico de coidados paliativos e énchese de fotografías o andar de hospitalización destes coidados do naval

​O Comité Técnico de Coidados Paliativos da Xerencia Integrada de Ferrol renóvase e crea un espazo na Intranet (portal interno dos traballadores) para se pór a disposición dos e das profesionais da área nesta materia dos Coidados Paliativos. Este é un fito que se enmarca no Día Mundial dos Coidados Paliativos, que se celebra mañá sábado 13 de outubro. Relacionado con isto, a área de Hospitalización da Unidade de Coidados Paliativos, no primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, únese un ano máis á conmemoración deste día, e, nesta ocasión, encherá os corredores de imaxes fotográficas realizadas polos traballadores que asisten ó curso de Fotografía da área.

Polo tanto, traballadores de moi distintas categorías únense co eixo común de resaltar a humanización deste ámbito dos coidados paliativos. O pasado ano xa o facían con pinturas de temática variada realizadas polos compañeiros e compañeiras que acudían ás aulas de Pintura da área sanitaria ferrolá. O facultativo responsable da Unidade, Marcelino Mosquera Pena, resalta esta suma no Día Mundial dos Coidados Paliativos, co lema Porque eu importo, que “pon de relevo a necesidade de mellorar o acceso da poboación a este atención específica e integral” e “importas porque es ti e importas ata o último momento da túa vida”. Como se recorda dende a Sociedade Española de Coidados Paliativos, tres de cada catro persoas precisaran en algún momento atención paliativa.
Coidados Físicos, Psíquicos e Sociais
As Unidades de Coidados Paliativos son os dispositivos que se encargan de prestar os coidados paliativos en pacientes con enfermidades oncolóxicas e outras de carácter progresivo, e cun estadio avanzado, nas que a prioridade é proporcionar coidados físicos, psíquicos e sociais ó paciente e á súa familia. Trátase de procurar en todo momento a equidade na prestación dos servizos; a mellora na accesibilidade ós mesmos; unha atención interdisciplinar; e o respecto escrupuloso á autonomía e á dignidade das persoas.
A Unidade de Coidados Paliativos emprázase no primeiro andar do bloque B do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario. Consta de 10 camas, en cuartos individuais, habilitadas con sofá cama e baño asistido. Son un total de 940 metros cadrados de superficie total, distribuídos de xeito que os servizos xerais quedan na parte central e as habitacións abertas ás fachadas, incrementando a comodidade tanto para pacientes e familiares, como para os propios profesionais.
Esta Unidade funciona na área sanitaria ferrolá dende o ano 2005. Inicia a súa actividade co obxectivo de facer unha abordaxe integral ós pacientes cunha enfermidade avanzada e buscar o seu benestar. Forman parte dela un facultativo, unha supervisora de Enfermería; e once profesionais de Enfermaría. Un equipo multidisciplinar no que tamén se inclúe un traballador social, psicólogo e farmacéutica que completan a atención neste eido.
Renovado Comité de Coidados Paliativos
Por outra banda, o renovado Comité Técnico de Coidados Paliativos está formado por dez membros de diferentes especialidades e categorías, tanto do Complexo Hospitalario Universitario como dos centros de saúde, e relacionados cos coidados paliativos. Como indican no seu novo espazo na Intranet, “apostan polo proxecto que agrupa os Coidados Paliativos, a Hospitalización a Domicilio (HADO), a atención ós Crónicos, e o Hospital de Día Médico”. O obxectivo deste Comité é “que estes dispositivos traballen en equipo e cunha estreita relación, sobre todo coa atención primaria, para que os profesionais dispoñan dunha atención máis rápida e eficaz” que beneficie ós seus pacientes.
Como indica dende o Comité a súa presidenta a facultativa de Urxencias Ana Armada López, este grupo pretende “o asesoramento e promoción dentro da área sanitaria do coidado paliativo; de implicar ós profesionais no que é o é este tipo de coidado, e ata onde se pode chegar co paciente e a súa familia”. En definitiva, “concienciar ós profesionais no manexo destes pacientes, sobre todo da importancia da relación cos médicos dos centros de saúde; e, o máis importante, ofertar unha mellor calidade de vida ós pacientes”, resumen.
Actividade da Unidade de Coidados Paliativos
Lembrar que, no ámbito da hospitalización, prodúcense en torno a 350 ingresos ó ano nesta Unidade de Coidados Paliativos e está activa unha Consulta de Coidados Paliativos que “facilita ó paciente o contacto coa Unidade”. Esta consulta amplía o campo de acción a aqueles pacientes que poden aínda vivir no seu domicilio e desprazarse ata o hospital. Prodúcese tódolos días de luns a venres, e existe un número de atención telefónica co que contactar se é necesario. Realízanse en torno ás 1.000 consultas anuais.

Nalgúns casos, cando a doenza progresa, poden ser tratados pola Unidade de Hospitalización a Domicilio, posto que todo esta interrelacionado como unidade funcional. Cada vez fanse máis ingresos e máis altas para a casa, xa que estar na casa segue a ser a prioridade. O perfil de paciente ten variado considerablemente e agora vense pacientes dende os 18 anos ata os 90. Chegan derivados de calquera das especialidades, cirurxía, uroloxía, neuroloxía, oncoloxía, ou medicina interna, entre outras. “Estas unidades naceron da man da oncoloxía, pero agora cada vez vemos máis enfermo crónico, de feito por cada tres pacientes non oncolóxicos hai un oncolóxico”, explica o responsable da Unidade Marcelino Mosquera.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.