Repensando a sexualidade dende as marxes

O seu obxectivo é afondar na identidade de xénero sen estereotipos e prexuízos
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Repensando a sexualidade dende as marxes

Entre a oferta de obradoiros que se imparten este cuadrimestre no campus de Ourense está Espazo Queer: repensando a sexualidade dende as marxes. Trátase, explican as súas promotoras, “dun espazo para reflexionar, vivenciar e transgredir, dando a oportunidade de pensar e pensarse dun modo diferente”, traballando arredor da identidade sexual e das identidades de xénero subversivas.

O obradoiro, que conta con 15 prazas e 30 horas de duración, celébrase cada luns pola tarde no Edificio de Ferro desde o pasado 8 de outubro e ata o 17 de decembro. María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, é a súa directora e docencia corre a cargo de Lucía González, de Brigantia, proxecto de emprendemento de dúas egresadas do Grao en Educación Social nado ao abeiro dos Premios Incuvi da Universidade de Vigo. “O obxectivo xeral do obradoiro é fomentar o desenvolvemento dunha identidade de xénero libre de estereotipos e prexuízos, así como promocionar actitudes positivas cara a diversidade sexual”, comenta María Victoria Carrera.

Cambio a través da vivencia

Con este reto en mente, o obradoiro aborda cuestións como visibilizar o proceso de construción da identidade sexual e de xénero; promover coñecementos básicos en relación ao xénero e a sexualidade; favorecer un proceso autorreflexivo que permita repensar a propia identidade e visibilizar as diferentes identidades de xénero, as diversas orientacións sexuais e os distintos tipos de relación afectivo-sexuais. Durante as sesións, as e os participantes tamén se achegan á sexualidade consciente e responsable; ás distintas realidades de como vivir a sexualidade; aos fitos importantes relacionados co movemento feminista e LGBTIQ; ao impulso da eliminación de todos os tipos de violencia cara as minorías de xénero ou a diferentes conceptos importantes no eido de interese deste obradoiro. A intersexualidade, a transexualidade, a transgresión da heterosexualidade obrigatoria ou o acoso son tamén temas presentes nas sesións desta iniciativa.

“A metodoloxía utilizada nesta formación é activa, participativa, lúdica, grupal, personalizada, socializadora, flexible e interrelacional”, subliñan desde a súa organización. Así, recalcan, “o alumnado é o verdadeiro protagonista do proceso de ensinanza-aprendizaxe”, desenvolvendo sesións totalmente “prácticas e vivenciais” e empregando moitos recursos audiovisuais, tales como curtametraxes, cancións, documentais e pequenos fragmentos de longametraxes así como historias de vida, cómics ou noticias relevantes. Fomentando o traballo en pequenos grupos e a participación activa de todas e todos nun ambiente “lúdico e de confianza”, comentan as promotoras da obradoiro, “o espazo da aula transfórmase así nun espazo de transgresión da norma de xénero para a vivenciación e a reflexión”.