Repítese o xuízo contra o millonario portugués acusado de intentar matar a súa muller en Vigo

Publicado por o día 27/01/2020 na sección de Galicia,Vigo

Repítese o xuízo contra o millonario portugués acusado de intentar matar a súa muller en Vigo

Mañá volverá repetirse esta imaxe, a de Carlos Inácio Pinto sentado no banco, acusado de intentar asasinar a súa parella nun hotel de Vigo en maio de 2016. O millonario luso xa fora condenado a once anos de prisión por estes feitos, porén a sentenza ditada en maio do ano pasado quedou anulada.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordenou a repetición da vista despois de darlle a razón ao avogado da defensa que cuestionou a imparcialidade dos maxistrados que o xulgaron que, en dúas ocasións, ratificaran a súa prisión provisional. O Alto Tribunal devolveu as actuacións á sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, onde se vai repetir a partir de mañá o axuízamento da causa cunha composición nova do tribunal.

A Fiscalía manterá para o acusado a solicitude de doce anos de prisión, por un suposto delito de tentativa de homicidio coa agravante de parentesco, ademais dunha orde de afastamento e unha indemnización polas secuelas físicas e psíquicas da vítima. No anterior xuízo, o tribunal considerou probado que o acusado golpeara a súa esposa de 27 anos cunha maza de canteiro na cabeza mentres se duchaba no cuarto dun hotel de Vigo. A súa intención era simular un accidente mortal na bañeira, co obxectivo de cobrar o seguro de vida, porque estaba arruinado e tiña débedas pendentes con Facenda. Está previsto que a nova vista se prolongue dúas xornadas.