Denuncian desde CCOO represalias de CLECE contra o exercicio do dereito de manifestación

CCOO pediralle ao Concello da Coruña que rescinda o contrato e convoque un novo concurso
Publicado por o día 22/10/2016 na sección de CC.OO,Empresas,Galicia,Sindicatos,Vigo

Denuncian desde CCOO represalias de CLECE contra o exercicio do dereito de manifestación

As traballadoras de CLECE, concesionaria do servizo de axuda a domicilio na Coruña, concentráronse o pasado 14 de outubro fronte á sede da empresa para denunciaren as condicións de traballo. A resposta de CLECE a esta protesta non tardou en chegar e, con data dese mesmo día, comunicoulle a todo o persoal, mediante carta certificada, que debía horas de prestación de servizo, as cales serían descontadas da nómina.

Desde CCOO critican que estas horas non veñen detalladas e, ademais, o dito desconto ampárase nun artigo do convenio sobre a bolsa de horas trimestrais, pero estas xa estarían caducadas.

A Federación de Construción e Servizos de CCOO asegura que non vai permitir que se atende contra os dereitos básicos das traballadoras de CLECE, polo que xa puxo esta cuestión en coñecemento dos servizos xurídicos do sindicato para preparar a resposta. Así mesmo, Comisións pediu unha reunión co Concello da Coruña para pedirlle que, ante uns feitos «moi graves», rescinda o contrato con CLECE e convoque un novo concurso público.