Represas confirma que Ponteareas contará cunha rede de calor de biomasa para os edificios públicos

Por o 29/01/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas
Represas confirma que Ponteareas contará cunha rede de calor de biomasa para os edificios públicos

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; o Concelleiro de Medio Rural, Manolo Troncoso; técnicos aos que o goberno encargou o deseño dos parques forestais e plan de defensa contra incendios forestais, e directivos de dezasete comunidades de montes falaron do presente e do futuro dos montes de Ponteareas nunha reunión na que o goberno ademais de trasladar os seus proxectos e informar das subvencións tamén escoitou as inquedanzas e opinións dos comuneiros que amosaron o seu total apoio ás iniciativas do goberno de Ponteareas.

Baixo o amparo unánime das comunidades de montes que estiveron en todo momento receptivas, o Alcalde de Ponteareas anunciou o compromiso de levar adiante a Rede de Calor con biomasa agardando que a Xunta convoque de inmediato a convocatoria deste ano pero tamén adiantando que están a estudar outras posibilidades de financiación que aseguren a execución deste proxecto tan necesario para Pontearas. O Alcalde asegura que no prazo dun ano, sexa cal sexa a vía de financiación, a rede calor con biomasa chegará aos edificios públicos municipais.

Todos estiveron de acordo en apoiar a iniciativa do goberno para contar cunha rede de calor de biomasa instando á Xunta a que siga realizando estas convocatorias que son financiadas cos fondos europeos 2020 neste e nos vindeiros anos en condicións similares ás realizadas nestes dous últimos anos xa que é un sector estratéxico para Galicia e para Ponteareas pola importancia dos montes veciñais.

As comunidades de montes amosaron o seu respaldo absoluto á rede de calor don biomasa que permitirá substituir o subministro de gasoil para calefactar os edificios públicos por biomasa de astilla procedente dos montes da comarca xerando aforro enerxético, invertindo os cartos na comarca, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de lumes e garantindo contaminación cero.

Entre algúns dos compromisos adquiridos polo goberno durante a reunión  e por petición unánime das CCMM está o traslado á Consellería de Medio Rural que cambie o protocolo de actuación en cuestións como a construción de novos depósitos de auga para a Loita contra os incendios. “É inexplicable que Medio Rural teña negado a dúas das nosas comunidades de montes a construcción de depósitos de auga como recurso contra os incendios que se farían incluso con fondos propois. A Xunta debe cambiar estes aspectos que nos permitan ter os nosos propios recursos en casos de emerxencia”, explica o Alcalde.

Por outro lado, a CCMM de Guillade amosou o seu interese en que un espazo do seu monte que conta con diversos elementos patrimoniais poida ser un parque forestal ao igual que os outros tres que están en marcha en Ponteareas. O goberno estudará agora este proxecto que posibilitará a protección dos elementos patrimoniais ademais dos paisaxísticos e que iría ao abeiro do plan aberto nestes intres pola Deputación.

No monte de Guillade atópanse xacementos arqueolóxicos recollidos no catálogo da Consellería de Cultura como o coto do Santo, a mámoa das Chans do Campo do Mouro, o asentamento do montes das Carballas ou os de Rebordiños, o túmulo megalítico de Chans do Mouro ou os petroglifos de Oións ou os do Cotos de Santo, entre outros elementos de grande interese patrimonial. O monte de Guillade cumprimirís os requisitos esixidos pola Deputación ao ser unha área de monte continua cumpla amplitude mínima de 30 hectáreas, conserva o seu carácter forestal, contén valores naturais e culturais.

Por último as CCMM amosáronse dispostas a colaborar co plan municipal de prevención e defensa contra os incendios proposto polo goberno de Ponteareas.