Representantes dos ámbitos académico, político e empresarial afondan no presente e futuro das enerxías e o desenvolvemento sostible

O director do World Energy&Meteorology Council ofreceu un relatorio sobre cambio climático e enerxía
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de Medio Ambiente,Universidade de Vigo

Representantes dos ámbitos académico, político e empresarial afondan no presente e futuro das enerxías e o desenvolvemento sostible

Tras anos de actividade, a Cátedra Fenosa presentouse hoxe en sociedade cun obradoiro no que representantes dos ámbitos académico, empresarial e político analizaron e debateron sobre enerxía, medio ambiente e desenvolvemento, as tres temáticas arredor das que pivota a cátedra, que dirixen os docentes e investigadores da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e Juan Antonio Añel. Ambos os dous directores foron os encargados de presentar ante as e os asistentes ao obradoiro, que se desenvolveu na sede en Vigo da Fundación Barrié, varias investigacións que están a desenvolver sobre o impacto da meteoroloxía extrema e o cambio climático na xeración de enerxía, así como os últimos resultados de estudos con modelos climáticos sobre modelización de ventos na península ibérica e accións futuras sobre modelización de vento e enerxía eólica.

O vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo, José Manuel García; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato e o delegado de Gas Natural Fenosa, Manuel Fernández Pellicer, foron os encargados de inaugurar o obradoiro, que se completou co relatorio que sobre cambio climático e enerxía ofreceu o director do World Energy&Meteorology Council, Alberto Troccoli e unha mesa redonda sobre transición a economías baixas en carbono, na que participaron, xunto a Labandeira, a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride; o responsable de Mercados Ibéricos Organizados de Electricidad de Gas Natural Fenosa, Antonio Canoyra e o xornalista de Faro de Vigo Julio Pérez.

Formación, investigación, innovación e divulgación

Tras agradecer o apoio que Gas Natural Fenosa e a Universidade de Vigo están a dar desde a súa creación á Cátedra Fenosa, Xavier Labandeira, cedeu a palabra a Manuel Fernández Pellicer, que sinalou “a promoción da formación, investigación, innovación e divulgación en áreas da economía da enerxía, o medio ambiente e o desenvolvemento sostible”, como principais obxectivos da Cátedra Fenosa. O delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia incidiu nos investimentos que a empresa realiza en proxectos de innovación en todas as áreas relacionas coa enerxía e tras lembrar a colaboración que manteñen coa Universidade de Vigo a través da cátedra, así como do Centro de Excelencia Hidráulica e EnergyLab, ambos localizados en Citexvi, apuntou que “a investigación, a innovación e a formación en temas enerxéticos, de medio ambiente e sostenibilidade é o presente e o futuro dunha terra como Galicia, que ten moitas posibilidades nestas ramas do coñecemento”.

Pola súa banda do vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo lembrou o empeño dese hai anos da institución académica en converterse nun axente de desenvolvemento económico e social, aposta reforzada pola Estratexia H2020 que defende” que as universidades deben xogar un papel fundamental nas estratexias de crecemento intelixente e deben ser autores imprescindibles no desenvolvemento económico rexional”. Tras incidir en que a Universidade de Vigo é no sur de Galicia a segunda ou terceira institución en xeración de emprego, José Manuel García puxo o acento, no papel clave da innovación para competir a nivel territorial na sociedade do coñecemento. “A universidade ten que centrarse, dando por feito que atende satisfactoriamente ás súas dúas primeiras misións, na terceira, que é transferencia de coñecemento á sociedade en xeral e ao tecido económico e empresarial”.

Mentres, a titular de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, insistiu na importancia da loita contra o cambio climático, “que está aquí para quedarse”, dixo Beatriz Mato, que tamén asegurou que “somos a ultima xeración que poder facer algo por mitigalo e traballar en adoptarnos ao cambio climático, que pode ser unha fonte de oportunidades e xeración de riqueza”. Mato explicou que neste intre a Xunta traballa na elaboración dunha folla de ruta na que se define a estratexia para loitar contra o cambio climático, ao tempo que apuntou á economía circular como un reto de futuro para rematar coa dinámica de fabricar, usar e tirar e multiplicar a política dos tres “R”, “porque os recursos do planeta son limitados e non chegan”.

Investigacións da Cátedra Fenosa

O codirector da cátedra e investigador do Environmental Physics Laboratory, EPhysLab, Juan Antonio Añel, foi o encargado de presentar algunhas das investigacións recentes que a Cátedra Fenosa desenvolveu sobre o impacto da meteoroloxía extrema e o cambio climático na xeración de enerxía, así como liñas de traballo futuras sobre a modelización de vento e enerxía eólica. “Nun traballo recentemente rematado revisamos o impacto das vagas de calor e frío no sistema enerxético, tanto na súa xeración como na súa distribución, así coma nos prezos e fixemos fincapé nos resultados sobre os cambios na frecuencia de vagas de frío extremas como as que sufrimos en xaneiro e febreiro deste ano e que levaron os máximos prezos da electricidade observados en España”, explica Añel, que apunta que estas vagas serán menos frecuentes na zona de Galicia, aínda que aumentarán en zonas da costa mediterránea e a conca do Ebro, onde se atopan a meirande parte de centrais nucleares de España.

Cambio climático e enerxía e transición a economías baixas en carbono

O director do World Energy&Meteorology Council, Alberto Troccoli, foi o encargado de tomar a palabra trala exposición de Añel para ofrecer un relatorio no que enlazou enerxía e meteoroloxía e cambio climático. Troccoli ten editado varios libros sobre esta temática e coordina na actualidade un dos proxectos Copernicus da UE específico sobre clima e enerxía.

O obradoiro rematou cunha mesa redonda sobre transición a economías baixas en carbono. “Ë evidente que estamos iniciando un proceso destas características despois do Acordo de París e de acordo coa folla de ruta da UE cara a mediados de século. Isto implica que haberá que promover mudanzas relativamente radicais nun curto espazo de tempo na maioría de sectores: enerxía, transporte, urbanismo, etc.”, destacou Xavier Labandeira no coloquio co que se pechou o obradoiro.