Unha muller foi rescatada en helicóptero despois de caer á auga mentres pescaba en Muxía

Publicado por o día 29/08/2019 na sección de Sucesos

Unha muller foi rescatada en helicóptero despois de caer á auga mentres pescaba en Muxía

Un total de tres persoas necesitaron a axuda dos servizos de emerxencia na mañá de hoxe despois de caer á auga mentres pescaban na zona do Cabo da Buitra, en Muxía. Unha delas, unha muller, tivo que ser evacuada en helicóptero ata o Aeroporto de Alvedro, onde posteriormente foi trasladada en ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos poucos minutos antes das 10:00 horas, ao recibir a chamada de alerta dunha das persoas involucradas no incidente. Segundo a información recibida polos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, as tres persoas puideron saír do mar polos seus propios medios pero unha delas atopábase nunha zona de difícil acceso e necesitaba asistencia sanitaria.

De inmediato, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa colaboración dos membros de Salvamento Marítimo, que mobilizaron a aeronave para evacuar á ferida. Unha vez rescatada e trasladada ao aeródromo, a muller puido ser atendida polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ata o lugar dos feitos acudiron os axentes da Garda Civil e da Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade. Ademais, desde o CIAE tamén informouse ao servizo de Gardacostas de Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.