Rescatada unha persoa tras saírse da vía co seu vehículo en Monforte

Publicado por o día 10/06/2018 na sección de Sucesos

Rescatada unha persoa tras saírse da vía co seu vehículo en Monforte

Os bombeiros liberaron a pasada noite ao condutor dun turismo que se saíu da vía cando circulaba pola VG-2.1, de Monforte a Escairón.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as nove da noite e, como consecuencia do impacto, o condutor quedou atrapado no interior do turismo. Así, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos bombeiros de Monforte para liberar ao ferido e facilitar a súa evacuación nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.

Ademais, informouse aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas, que se encargaron da limpeza dos restos provocados polo accidente e de restablecer a seguridade na zona.

Dous atrapados en Arteixo

Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou onte outro accidente en Arteixo, no que resultaron feridas catro persoas, das cales dúas necesitaron dos equipos de rescate e salvamento para poder saír do vehículo.

Tratouse dunha colisión fronto-lateral entre dous turismos na estrada que une as localidades coruñesas de Arteixo e A Laracha (AC-552). Como consecuencia do impacto, dúas das catro persoas que viaxaban nun dos vehículos implicados quedaron atrapadas e tiveron que intervir os bombeiros de Arteixo. Unha vez liberados, as catro persoas foron evacuadas polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Pola contra, no outro vehículo implicado circulaba unha persoas, que resultou ilesa.

Cómpre salientar que o operativo de rescate activouse ás 18:30 horas de onte, cando o CIAE 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que solicitaba axuda para un home e unha muller atrapados no interior do coche e feridos de diversa consideración.