Rescatadas dúas persoas en senllas emerxencias nas augas de Marín e O Grove

Por o 19/05/2019 | Sección: Galicia,Marín,O Grove,Sucesos
Rescatadas dúas persoas en senllas emerxencias nas augas de Marín e O Grove

En menos de trinta minutos o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, rexistrou senllas emerxencias que mobilizaron os servizos de emerxencia en augas de Marín e O Grove.

O primeira sucedeu moi preto das 16:30 horas desta tarde, cando unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para alertar dunha persoa con dificultades entre as praias de Aguete e dos Namorados. Axiña, os xestores de emerxencias do 112 Galicia activaban un operativo no que comunicaban o sucedido ao Servizo Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo, que mobilizaba ao helicóptero Pesca 1 ata o punto, aínda que, finalmente, non foi preciso a súa intervención.

Ademais, solicitouse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos axentes da Policía Nacional e Protección Civil da localidade que informaban ao 112 Galicia que a persoa foi rescatada por unha embarcación da Armada Española que se atopaba na zona.

Embarcación envorcada
Pasados uns trinta minutos, o 112 Galicia recibía unha nova chamada de alerta dunha persoa particular. No seu relato indicaba que, unha persoa atopábase na auga o lado dunha embarcación envorcada, na praia próxima a igrexa de San Vicente do Mar.

Con estes datos, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou un novo aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Así como, o servizo sanitario de urxencia, os axentes da Garda Civil e Policía Local e ao Servizo Municipal de Emerxencias do Grove.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia a persoa foi trasladada por unha embarcación particular ata o porto de Meloxo onde se descartou lesión ningunha. Pola súa banda a embarcación puido ser amarrada no porto unha vez dada a volta.

Comentar noticia

Your email address will not be published.