Rescatado san e salvo o tripulante dunha embarcación incendiada en Poio

Publicado por o día 17/05/2020 na sección de Sucesos

Rescatado san e salvo o tripulante dunha embarcación incendiada en Poio

Unha persoa e única tripulante dunha embarcación foi rescatada esta mañá despois de incendiarse a súa motora cando regresaba de botar combustible, á altura do Peirao de Combarro, no concello pontevedrés de Poio.

O home, tras comezar a arder, tirouse á auga e foi rescatado, san e salvo, por unha embarcación particular que se atopaba na zona.

Ao fío das 11:00 horas, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dun barco ardendo fronte ao Peirao de Combarro. Indicaban ademais que vían xente na auga.

Foi a partir de aí, cando os xestores do 112 ademais de alertar ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizaron unha embarcación.  Así mesmo, participaron no dispositivo unha patrulleira da Garda Civil, os Bombeiros de Ribadumia, a Policía Local e os efectivos do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo e de Protección Civil da localidade.

O persoal de Salvamento Marítimo comunicou ao 112 Galicia que, tras revisar, valorar e comprobar a zona, a Auxiliar Irmáns García Nodal non aprecia mancha de combustible nin risco de contaminación ocasionado pola embarcación incendiada.