Rescatados dous mergulladores en apuros na Praia de Foxos, en Sanxenxo

Por o 06/02/2019 | Sección: Sucesos
Rescatados dous mergulladores en apuros na Praia de Foxos, en Sanxenxo

Dous mergulladores con dificultades para saír da auga foron rescatados esta mañá nas proximidades da Praia de Foxos, en Sanxenxo.

Unha persoa que pescaba preto lanzouse á auga para socorrelos e, posteriormente, foi recollido por unha embarcación que o trasladou san e salvo ao Porto de Portonovo.

No que respecta aos mergulladores, foron quen de chegar á beira, mais un deles, que sufriu unha forte conmoción, necesitou asistencia médica e foi evacuado polo equipo médico situado no punto ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.

Todo comezou cunha chamada dunha veciña ao 112 Galicia ás 11:30 horas de hoxe para informar de dous mergulladores que pedían auxilio na zona de Ermida da Lanzada. Así, desde o 112, avisouse a Salvamento Marítimo, aos profesionais de Urxencias Sanitarias, membros do GES de Sanxenxo e á Policía Local.

Tamén cómpre sinalar a colaboración dos axentes da Garda Civil, que xa tiñan coñecemento do suceso e saíron decontado cara ao punto.

Outro rescate na Coruña

Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou na Coruña outro suceso, neste caso, un home que tamén pedía axuda para saír da auga preto do Milenium. Por fortuna, a persoa puido alcanzar as rochas e foi axudado polos axentes da Policía Local. Ademais, atopábase en perfecto estado de saúde, polo descartou ser atendido polo equipo médico do 061-Urxencias Sanitarias que agardaba na beira.

Igualmente, para a atención desta emerxencias, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración de Salvamento Marítimo e dos Bombeiros da Coruña, que acudiron á zona con material de rescate. Non obstante, o home foi quen de achegarse ás rochas, onde foi recollidos por membros da Policía Local.

Neste caso, o operativo tamén contou co apoio dos axentes da Policía Nacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.