‘reseñas.4’ quere abrir o debate sobre o auxe do dixital en detrimento da conversa

Cun libro escrito pola psicóloga estadounidense Sherry Turkle

Reseñas, a actividade mensual de dinamización da lectura promovida pola biblioteca universitaria de Torrecedeira, propón para este mes a lectura de En defensa da conversación (Ático de los libros), unha obra escrita pola socióloga e psicóloga estadounidense Sherry Turkle e na que se reflexiona acerca da realidade que hai detrás da tecnoloxía dixital.

A obra é un recordatorio sobre os perigos da era dixital e as consecuencias psicolóxicas e sociais da perda do intercambio verbal cara a cara. O estudo baséase en entrevistas a persoas de diferentes eidos da sociedade e na experiencia persoal da propia autora para dar a coñecer o medo á conversa que está a emerxer dado o uso descontrolado que se fai na actualidade das novas tecnoloxías. “Fala de actitudes e hábitos, de medos e carencias, de comodidade e permisividade na vida pública e privada, Turkle solicita a nosa atención porque estamos a esquecer como falar entre nós”, explica Aser Fernández Rey, técnico especialista da biblioteca e co-organizador de reseñas, quen tamén fai fincapé en que “a pretensión da autora non é que abandonemos a tecnoloxía móbil, senón que aprendamos para que serve e como utilizala”.

Unha lectura ambientada

Como con cada edición de reseñas, o persoal da biblioteca organiza un espazo e  unha exposición inspirada no tema do libro, actividades que poden seguirse a través das súas redes Instagram Twitter. O recuncho deste mes conta cunha mesa, un acuario con móbiles, un marco de fotos coa imaxe do filósofo Thoreau e tres cadeiras, algo que xurde porque Turkle comeza a súa publicación coa frase “na miña casa teño tres cadeiras: unha para a soidade, outra para a amizade e unha terceira para a sociedade”. A autora engade a esta reflexión unha cuarta cadeira que equivalería ás máquinas, non para falar a través delas, senón para conversar con elas, “estamos a falar da diferenza entre simulación e realidade, da gran ironía que supón tratar ás máquinas como xente e á xente como máquinas”, conclúe o técnico da biblioteca.

Ademais disto, a escolma multidisciplinar de libros A conversación e a era dixital da Biblioteca Universitaria  estivo dispoñible ata o pasado 25 de xaneiro, unha selección de libros que obtivo un grande éxito entre as e os usuarios da sala de lectura, chegando a ter que pedir máis volumes a outras bibliotecas da propia rede universitaria.

Propostas de lectura ata Semana Santa

reseñas.4 continuará a mediados de febreiro cunha nova achega. Para a próxima edición o título escollido é Instrumental, as memorias do propio escritor, James Rhodes, que viron a luz no Reino Unido tras levantar o veto que pesaba sobre a obra, todo un tributo ao poder terapéutico da música e que aborda cuestións sobre como funciona a música clásica e o seu poder para cambiar as vidas. Co gallo do día da muller, en marzo proporase o volume Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial, de Heather Boushey dentro do volume Debatiendo con PikettyLa agenda para la economía y la desigualdad. No mes de abril chegará ao recuncho de reseñas o libro La vida de las hormigas, no que Maurice Maeterlinck, premio Nobel de Literatura, observa o mundo destes insectos convencido de que garda misterios que, ao mesmo tempo, poden ser unha analoxía do comportamento das persoas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM