Resolución da Consellería de Sanidade sobre a petición de información sobre as listas de agarda non estructurais e os informes económicos

Publicado por o día 27/04/2017 na sección de Sanidad,Vigo

Resolución da Consellería de Sanidade sobre a petición de información sobre as listas de agarda non estructurais e os informes económicos

Trala contestación recibida da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia o pasado 31 de Marzo do 2017, ante as peticións de informacións feitas por esta coordinadora á Xunta de Galicia o 6 de Xullo do 2016, referidas ás listas de agarda estruturais e non estruturais, criterios que se aplican para derivar ás pacientes a centros privados, informes económicos que avalen a derivación destas pacientes á sanidade privada e os informes económicos comparativos sobre a utilización de medios alleos, temos que dicir: Que na primeira contestación recibida o 5 de Agosto do 2016 se nos dí: “Os informes técnicos previos da necesidade para a derivación a clínicas con concerto e os de avaliación comparada, no caso de ser necesarios, forman parte da historia clínica dos pacientes”.

No tocante as listas de espera non estruturais nada din, e no tocante as listas oficiais de agarda remítennos as listas de oficiais.

Ante esta negativa a facilitar información sobre as listas de agarda non estruturais ou buzóns, mais os datos económicos de avaliación, decidimos presentar reclamación ante a Valedora do Pobo. Nós non pedimos información persoal, sómente datos económicos comparativos que xustifiquen a derivación a centros privados, como así tamén o denuncia en algúns dos seus informes o Consello de Contas.

Ante esta nova petición de amparo á Valedora, recibimos nova contestación da Consellería de Sanidade o 31 de Marzo do 2017.

A nosa sorpresa foi que os argumentos que xustificaron a non entrega dos informes económicos na primeira contestación mudaron.

Esta vez se nos contesta que os informes non existen: “Non existen ningún documento de avaliación comparada entre a sanidade pública e a sanidade privada en poder da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde.”

Contestación cando menos sorprendente. Un organismo oficial non debe ofrecer información sen contrastar. Nun primeiro momento se nos di que eses informes, de existir, forman parte do historial do paciente, e un ano despois contestan que os informes non existen.

Parécenos pouco serio este comportamento, o que denota unha mala xestión, tanto da información, como dos recursos dispoñibles, ao non existir informes comparativos. Denuncia que tamén reitera nos seus últimos informes o Consello de Contas.

En canto ás pacientes en listas de agarda non estruturais, din: “… Non hai en ningún caso ningún paciente en listas de espera non estrutural por non ter recibido aínda a notificación da data para a súa proba ou intervención.

En base ao cumprimento do artigo 4 do Real Decreto 605/2003, do 23 de Maio, nesta comunidade autónoma cúmprese con rigor os tres puntos estipulados en cuanto á garantía da información que debe facilitarse os cidadáns”.

Afirmación desafortunada xa que se esta a incumprir o punto 2 deste artigo 4 que di:

“Cada ciudadano tendrá acceso a la información personalizada sobre la espera prevista en relación con su proceso asistencial, que será proporcionada por su servicio de salud”.

Pero o mais curioso é o que continúa dicindo: “ O Consello de Transparencia e Bo Goberno ten establecido en diversas resolucións e no criterio interpretavito 007/20015 que o suposto de reelaboración de documentación pode aplicarse cando a  información que se solicita, pertencendo ao ámbito funcional de actuación do organismo ou entidade que recibe a solicitude, deba elaborarse expresamente para dar unha resposta, dando uso de varias fontes de información.”

É dicir, si a información solicitada ten que ser reelaborada expresamente a través de varias fontes para dar unha resposta, o organismo pode negarse a facilitala. Este suposto está recollido no artigo 18.1.c da Lei 19/2013, que ampara a calquera organismo daadministración para poder negarse a facilitar información.

Pero o que non nos di tampouco é que se está tamén a incumprir opunto 2 do artigo 2 da Lei 605/2003 que di:

“Los pacientes pendientes de primera consulta externa, primera prueba diagnóstica/terapéutica o intervención quirúrgica deberán estar incluidos en el registro establecido para ello”.

Sabemos de moitas pacientes que non constan nas listas de agarda e que as súas probas ou consultas están nun buzón á espera de asignarlles unha data e de ser incluídas nesas listas.

Unha vez mais, esta administración minte e engana, e como vemos, elaborando leis que lle faciliten a negativa a subministrar información á que todo cidadán ten dereito.

Si a información ten que ser elaborada ou confeccionada a través de diversos organismos ou fontes, fágase. O interese primordial dos dereitos das e dos pacientes ten que estar por riba de calquera consideración.

Por todo isto, seguiremos demandando a información que nos pertence como cidadáns a través de todas as canles legais posibles.