Responsables das principais axencias de viaxe españolas exploran os os recursos turísticos do sur da provincia de Pontevedra

No marco do Plan de Reactivación do sector turístico, a Xunta e Agavi promoven esta viaxe para que deseñen paquetes turísticos asociados á enogastronomía
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Turismo

Responsables das principais axencias de viaxe españolas exploran os os recursos turísticos do sur da provincia de Pontevedra

Responsables das principais axencias de viaxe de España e destacadas empresas do sector, que durante este días participan en Galicia nunha viaxe de familiarización, chegarán mañá ao sur da provincia de Pontevedra para coñecer os recursos turísticos da ría de Vigo e poder comercializar paquetes especializados en enogastronomía que contribúan a reactivar o sector no actual contexto sanitario.

A viaxe, promovida pola Xunta de Galicia e a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia (Agavi), prográmase no marco do Plan de Reactivación do sector turístico do Goberno autonómico, que inclúe un convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e este colectivo. Preténdese seguir impulsando a Comunidade galega como un destino de calidade e seguro que ofrece garantías para viaxeiros, traballadores e aos propios galegos.

Así, durante a xornada de mañá os profesionais do sector turístico que participan nesta viaxe de familiarización desprazaranse ata as vilas de Baiona, A Guarda e Tui. Neste sentido, o programa iniciarase cunha visita á bodega Terras Gauda, localizada en Tui e produtora de viño do Rosal. A continuación, o grupo viaxará ata a Guarda para gozar dun xantar con produtos típicos antes de partir cara Baiona onde está previsto un percorrido polo casco antigo desta vila mariñeira. Para rematar a xornada o grupo viaxará en barco desde o porto de Baiona ata Sanxenxo, unha travesía polo Atlántico de aproximadamente unha hora na que gozarán dunhas vistas únicas da Ría de Vigo e das illas de Cíes e Ons.

Participan nesta experiencia máis de 20 persoas, entre presidentes e representantes dalgunhas das principais axencias de viaxes españolas como Civitatis, Mapa Tours, Nautalia Viajes, El Corte Inglés, grupo GEA, Viajes Temps D’Oci, Avantours, a asociación Renascitour ou Viajes Kontiki. Ademais, tamén están presentes membros das asociacións de axencias de viaxe de Valencia, Sevilla, Castela e León, así como o presidente e vicepresidente da Confederación Española de Asociacións de Axencias de Viaxe (CEAV), que agrupa a máis de 5.000 axencias de viaxes, tanto minoristas como maioristas, e conta con 9.000 puntos de venta. No grupo tamén participan axentes de viaxes especializados en mercados internacionais como o ruso, así como xornalistas especializados en turismo.

A viaxe de familiarización enmárcase na aposta da Xunta de Galicia incluída no programa Galicia destino seguro, que conta xa cunha dotación global de 8M€ para impulsar a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago. Concretamente o convenio asinado con Agavi, permite promover accións como esta coa intención de adecuar formatos turísticos xa existentes ao escenario actual e crear novos produtos e experiencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.