Resulta ferido de consideración un operario despois de precipitarse desde un guindastre en Melide

Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Sucesos

Un operario foi evacuado esta mañá ao centro hospitalario de referencia despois de sufrir diversas lesións a causa dunha caída en Melide. Os feitos tiveron lugar ao fío das 10:45 horas cando o traballador se desequilibrou desde o guindastre sobre o cal traballaba, precipitándose  dunha altura de aproximadamente cinco metros.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao recibir a chamada de alerta dunha persoa particular que solicitaba axuda para o ferido. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, o operario atopábase liberado e accesible, pero necesitaba asistencia urxente.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pasouse aviso de inmediato aos profesionais de urxencias sanitarias que, debido á gravidade das lesións, comunicaron ao 112 a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Para colaborar no operativo, desprazáronse ata o lugar do suceso -na estrada de Agolada- tras recibir o aviso do 112 Galicia, os axentes da Policía Local e da Garda Civil, así como, os voluntarios de Protección Civil da localidade.