Retirada dun balcón de San Román ante o risco de caída

A mañá de onte precipitouse parte dunha estrutura voante do número 1.
Por o 09/01/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
Retirada dun balcón de San Román ante o risco de caída

O Concello pechou a mañá de onte ao tráfico rodado e peonil a rúa San Román despois de que se producira a caída do chan de ladrillo dun balcón do edificio número 1 da rúa, e ante o temor de que se puidera producir novos derrubes. Ademais de desprazarse os servizos de emerxencia, tamén se trasladou o servizo de Arquitectura municipal que acordou apear todo este corpo voado.

É o edificio número 1 da rúa. Está habitado na parte baixa que ocupa un establecemento comercial e no último piso. O andar no que se atopaba o balcón está deshabitado neste momento.

O servizo de Arquitectura contactou -seguindo o procedemento de emerxencia- coa empresa ACEVI que será a encargada de apear toda a estrutura. Os traballos comezarán esta mesma tarde, apuntalando o balcón de garantindo a entrada ao edificio das persoas que residen nel.

Seguidamente continuará coa retirada do balcón.

Ao mesmo tempo, tamén se actuará no primeiro arco da praza da Ferraría -o máis inmediato ao número 10, onde se atopa o establecemento comercial Clarita- pero que da á fachada da rúa San Román. Na visita os técnicos municipais detectaron unha greta importante e ante o temor que as baixas temperaturas poidan causar danos maiores no espazo público, acordouse o seu apuntalamento. Neste momento non está autorizado pasar por debaixo deste arco.

O Concello agarda que as obras de retirada e apuntalamento poidan facerse canto antes e poder volver a abrir a rúa con normalidade na xornada de mañá ou pasado mañá. Mentres, lamenta os prexuízos que poida causar tanto a veciños como a comerciantes. Os clientes e veciños deberán achegarse á rúa San Román pola praza da Verdura.

Comentar noticia

Your email address will not be published.