Retirados 290 niños de vespa velutina durante o ano 2019

Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Galicia,Marín

Retirados 290 niños de vespa velutina durante o ano 2019

A loita contra a vespa velutina é unha auténtica carreira de fondo. Esta praga supón unha enorme preocupación para a comunidade galega, que trata de conter a poboación das raíñas. No Concello de Marín, a estreita colaboración entre o Goberno local e a Asociación Depolgal está colleitando moi bos resultados, conseguindo reducir o número de exemplares.

Segundo os datos que aporta a asociación, durante o 2019 foron retirados 290 niños, 55 menos en comparación cos datos do 2018. Isto supón unha “moi boa nova”, apuntan desde o colectivo, porque reflexa unha redución no número de niños que chegan a desenvolverse e a estar activos.

A clave está na actuación temperá, aseguran desde Depolgal, tanto na retirada dos niños como nas labores de trampeo, “que tiveron moita máis aplicación durante o último ano, xa que contamos con máis voluntariado”, sosteñen.

A maiores, Depolgal utiliza drons para retirar os niños máis activos, polo que chegan a aqueles puntos de maior altitude onde as pértigas resultan insuficientes. De feito, teñen chegado a niños ubicados a máis de 45 metros de altitude.

Con todas estas medidas, a tendencia no control da poboación de velutinas no termo municipal é positiva, “porque cada vez debería ir a menos. Agora deberíamos ter o triple de poboación e, sen embargo, estamos conseguindo reducila”, aseguran.

Pola súa parte, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, afirma que o Concello está “moi satisfeito” pola labor que realiza Depolgal, salientando os “bos resultados” deste último ano. Sanmartín anima á veciñanza a continuar asistindo ás charlas que organiza con frecuencia a asociación, para comprender mellor a esta praga e aprender a realizar as labores de trampeo.