Retómase a programación cultural cun concerto da banda Chotokoeu

O grupo disolveuse en decembro e este será o seu primeiro concerto esporádico
Por o 22/02/2018 | Sección: Cultura,Universidade de Vigo
Retómase a programación cultural cun concerto da banda Chotokoeu

Logo de anunciar a súa disolución nunha xira que pechou en decembro do ano pasado, a banda Chotokoeu xúntase por primeira vez no que será o seu primeiro concerto esporádico. O escenario será o Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria o vindeiro mércores 28 de febreiro ás 18.30 horas nun concerto que marcará o punto de arranque da programación cultural do segundo cuadrimestre, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, e que sempre comeza cunha actuación musical. Cada un dos integrantes da banda xa están desde este ano en proxectos diferentes pero, a pesares disto, seguirán xuntándose en certas ocasións para contactar novamente co seu público.

A banda formouse hai once anos con percusionistas que tocaban nas prazas e parques da Coruña. Esta mestura de músicos procurou sons galegos, árabes, africanos, latinos e flamencos. Aos poucos anos da súa formación, iniciaron un tour europeo que os levou a seis países. En 2013 gravaron o seu primeiro traballo en estudo, Chotokoeu e dous anos máis tarde, en 2015, Saír a voar. A banda foi habitual en festivais como Hootanay (Londres), Counter Culture (Ulthrech) ou Open Air Ziskou (Praga) e chegaron a compartir escenario con Ojos de Brujo ou Manu Chao. Logo de facer unha media de 80 concertos ao ano, en 2017 decidiron disolverse, tocando ao longo do ano pasado en escenarios como o EtnoSur (Jaén), Iboga Summer Festival (Valencia) ou Polé Polé (Bélxica).

A banda está composta por Brais López (caixón, clarinete, djembé, saxo), Carlos Argibay (caixón, congas, percusión pequena), Iago Corral (baixo, gaita) Manuel Clavijo (coros, guitarra, violíon, voz), Manuel Fonte (bongós, caixón, percusión pequena), Marta Seco (percusión pequena, violín, voz) e Rubén Capelán (batería, coros, djembé, voz).

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.