Reúnese no concello de Lalín a comisión de seguridade para concretar os dispositivos das festas

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Galicia

Reúnese no concello de Lalín a comisión de seguridade para concretar os dispositivos das festas

Nos pasados días celebrouse no Concello de Lalín a reunión da comisión de seguridade para concretar os dispositivos das Festas das Dores. No encontro participaron o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, a concelleira de Igualdade, María Jesús Sánchez, membros da comisión de festas, así como representantes da Policía Local, da Garda Civil e de Protección Civil.

Na reunión concretouse o dispositivo de tráfico e seguridade que se articulará con motivo das festas patronais de Lalín e que se concreta no seguinte:

A zona do Regueiriño quedará practicamente pechada dende o día de hoxe, debido ao comezo da montaxe das diferentes atraccións e postos.

O centro da vila (parte de rúa Principal e Joaquín Loriga) permanecerá pechado ao tráfico dende o venres, día 21, a partir das 16.00 horas, ata o final das festas patronais.

Nestas rúas levaranse a cabo durante os festexos diferentes actividades, entre elas, o propio venres, a carreira solidaria, que comeza ás 19.00 e cuxa proba absoluta terá lugar a partir das 20.00 h. Isto obrigará a pechar as rúas durante o seu percorrido. Afectará, ademais de a Principal e a Joaquín Loriga, ás rúas Matemático Rodríguez, Ramón Mª Aller, Otero Pedrayo, avenida da Estación, avenida de Bos Aires, rúa B, rúa Calzada, rúa Luís González Taboada e rúa F. O tráfico restituirase, agás no centro, tan pronto finalice o evento.

A zona humanizada da rúa Matemático Rodríguez, no entorno da praza da Torre e o parque de Loriga, tamén permanecerá pechada ao tráfico durante todos os días de duración das festas patronais. Neste emprazamento celebraranse múltiples actividades enmarcadas no programa dos festexos.

Doutra banda realizaranse peches puntuais das rúas nas que se ubiquen os espectáculos das orquestras e nas zonas de lanzamento de lumes artificias como a Praza da Marina (sábado), avenida Luís González Taboada, Nuno Eanes, Rúa B e Agro de Lalín de Arriba (domingo), avenida da Estación (luns) e avenida Xosé Cuíña e campo da feira (martes).

Tamén permanecerá pechada a rúa Rosalía de Castro durante os 5 días.

Durante os días das festas recoméndase non acceder ao centro do núcleo urbano en coche e utilizar as zonas de aparcamento habilitadas como o aparcadoiro Aldea Grande, as dúas explanadas dos centros comerciais, o campo da feira ou a explanada do Agro de Lalín de Arriba.