Reunión coa hostalaría da cidade, entusiasmada con colaborar nos mundiais de tríatlon

Fixeron propostas como adiantar as comidas para atender ao público procedente de distintos países e con costumes diferentes ás locais.
Por o 25/03/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
Reunión coa hostalaría da cidade, entusiasmada con colaborar nos mundiais de tríatlon
Compartir en:

A proximidade dos campionatos do mundo de tríatlon fan que o Concello intensifique os encontros co tecido comercial da cidade para ofrecer información de primeira man a todas as persoas implicadas na celebración da cita deportiva máis importante que vivirá Galiza no 2019.

Nesta ocasión as concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías, de deportes e de promoción da cidade, respectivamente, xunto ao portavoz da Policía Local, Manuel Omil, mantiveron un encontro con representantes do sector da hostalaría, especialmente do ámbito do centro histórico, para informarlles como se desenvolverán as probas entre o 26 de abril e o 5 de maio.

Os hostaleiros ofreceron toda a súa colaboración e implicación no evento, propoñendo, por exemplo, ampliacións de horarios das comidas (almorzos e ceas) para atender a moitas persoas que se achegan de distintos países e que teñen costumes diferentes, entre outras medidas.

Tamén se lles informou como se desenvolverán os percorridos polo casco histórico e cal era o centro neurálxico da proba (Centro de Tecnificación deportiva), con especial repercusión nos sábados 27 de abril e 4 de maio. Novos sistemas e horarios de carga e descarga, medidas sobre os veladores que se poderán ver puntualmente afectados… son algunhas das medidas que se abordaron esta tarde.

Dende a Policía se lles volveu a recordar que dispoñen dun teléfono de contacto para resolver todas as dúbidas que poidan ter (092), e as concelleiras agradeceron a colaboración e o entusiasmo que amosaron os representantes da hostalería que tamén teñen como obxectivo ofrecer a mellor imaxe da cidade nos vindeiros mundiais

Comentar noticia

Your email address will not be published.