Reunións informativas da Asociación Forestal de Galicia pola ampliación da zona demarcada do nematodo do piñeiro

Tomiño e Vigo acollerán dous actos informativos nos que se lle prestará asesoramento a comunidades de montes veciñais e propietarios particulares
Por o 11/02/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Reunións informativas da Asociación Forestal de Galicia pola ampliación da zona demarcada do nematodo do piñeiro
Compartir en:

Ante a inquedanza que está a xerar entre as comunidades de montes e os propietarios forestais a ampliación da zona demarcada do nematodo do piñeiro, a Asociación Forestal de Galicia (AFG) manterá dúas reunións informativas de acceso libre con montes veciñais e propietarios afectados pola medida.

O primeiro acto informativo celebrarase en Tomiño este sábado 16 a partir das 20 horas no salón de plenos do Concello de Tomiño (Praza do Seixo, número 1). A segunda charla desenvolverase en Vigo o venres 22 de febreiro ás 19.30 horas. Será no local social da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Subida San Sebastián, nº 23. Fragoselo – Coruxo).

Nas reunións, a Asociación Forestal de Galicia aportará información técnica e explicará as medidas adoptadas pola Xunta, así coma as restriccións que representan estas medidas para os propietarios forestais.

A AFG tamén lle trasladará ás comunidades de montes e ós particulares a súa experiencia de nove anos na xestión de cortas e traballos forestais na zona demarcada de As Neves, a primeira zona demarcada en Galicia polo nematodo do piñeiro, no 2010. Este ano, como é coñecido, produciuse a ampliación da zona demarcada do nematodo a todo o sur da provincia de Pontevedra, tras a detección de cinco novos focos da praga.

Os encontros convocados pola AFG servirán ademais para recoller as inquedanzas dos xestores forestais sobre a praga do nematodo, a fin de darlle traslado das mesmas á Administración.

Comentar noticia

Your email address will not be published.