O rexedor anima á cidadanía a acadar os 5.000 participantes na San Silvestre

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o director da carreira, David Posada, e representantes das firmas patrocinadoras (Máis que Auga, Gadis e Frutas Nieves) e da organización (FPR El Olivo e Asociación de Centros Deportivos e Culturales), presentou a San Silvestre 2016, que se correrá o 31 de decembro por décimo segundo ano consecutivo, cuarto ano seguido na Alameda e a súa contorna.
Publicado por o día 22/11/2016 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Vigo

O rexedor anima á cidadanía a acadar os 5.000 participantes na San Silvestre

A proba, fixada para o derradeiro día do ano, está marcada ás 17:00 horas con saída dende Areal cara a Praza de Compostela e percorrerá Ensanche e Casco Vello tomando Berbés e Areal (estación de tren) como puntos máis afastados.

“É unha acción cidadá entre lúdica e deportiva”, subliñou o rexedor, que anunciou o desexo de incrementar o número de inscritos: “Queremos reunir 5.000 participantes, mil quinientos máis que o ano pasado, para acadar a meirande participación que se obtivo nunca nesta carreira”, sostivo.

Con inscrición gratuíta a través da web championchipnorte.com, a carreira será moi publicitada nas redes sociais (twitter e facebook) tamén por vez primeira. O prazo de inscrción ábrese este mércores.

Serán catro quilómetros de percorrido como o ano pasado para que sexa unha “distancia accesible para todo o mundo” e que anime tamén ás familias. “É unha carreira lúdica, non competitiva, de pasalo ben, de divertirse”, lembrou Caballero, que apuntou que moitos acoden disfrazados e que para eles haberá premios finais tanto individuais como de grupo. “Teñen gran éxito de público e crítica e ata hai quen propón sobre a marcha a premiados”, indicou.

Ademais, a carreira servirá de apoio solidario ao Banco de Alimentos de Vigo. Todo aquel que se achegue á súa carpa con alimentos non perecedoiros recibirá un gorro de Papá Noel. En 2015 a ONG obtivo uns 4.000 quilos.

O xefe do goberno local amosou o seu bo humor dicindo que “queremos superar á de Madrid e, en vindeiras edicións, á de Nova York”. E dixo que o 31 de decembro cae en sábado, “un bo día” para permitir máis participantes.