O rexedor esixe “explicacións” a Feijóo pola “nefasta acción” da Xunta no control das viaxes a Cíes

Caballero asegurou ter constancia de “cancelacións” de reservas en Vigo como “resultado da acción negativa, nefasta” da Xunta de Galicia na supervisión das viaxes as illas Cíes e da sobrevenda que afectou a milleiros de persoas. O alcalde reclama explicacións políticas a Núñez Feijóo polo “dano” producido á imaxe do arquipélago e de Vigo.
Publicado por o día 23/08/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O rexedor esixe “explicacións” a Feijóo pola “nefasta acción” da Xunta no control das viaxes a Cíes

Segundo explicou este mércores, o goberno vigués mantivo contactos con representantes do sector turístico vigués e constatou que “xa está habendo cancelacións” de reservas na cidade, como “resultado da acción negativa, nefasta” da Xunta de Galicia “para as Cíes, para esta cidade e para os cidadáns en Vigo”.

Caballero cualificou de “esperpéntico” o sucedido, unha sobrevenda de billetes a Cíes que deixou a milleiros de persoas en terra e incluso a visitantes sen desembarcar nas illas, e esixiu “explicacións” e “responsabilidades” á Xunta de Galicia, administración que ten “todas as competencias” do funcionamento do transporte de ría e da xestión do parque nacional e que foi “incapaz” de exercelas.

O alcalde asegurou que “hai anos” que a Xunta sabe o que está a pasar coa venda de billetes a Cíes e non tomou “nin unha sola decisión” máis que notificar ás empresas, cando tiñan que ter evitado a sobrevenda con anterioridade. Caballero censurou ademais a decisión da Xunta de impedir o desembarco en Cíes dunha embarcación na que tamén viaxaban os socorristas dos areais do arquipélago, que quedaron sen vixilancia durante toda unha mañá, un “risco altísimo” derivado dunha decisión “esperpéntica” do goberno autonómico.

Caballero preguntouse como queda a imaxe das Cíes e de Vigo tras este “caos” nas viaxes ás illas Cíes pola “ineficacia” da Xunta de Galicia e esixiu ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, “explicacións” ante a “gravidade” dun acontecemento que “deu a volta a España”.