Rexeitan os procesos selectivos convocados para tres prazas de bombeiro e catro de conductor-bombeiro no Concello de Vigo

Publicado por o día 26/01/2021 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos,Vigo

Rexeitan os procesos selectivos convocados para tres prazas de bombeiro e catro de conductor-bombeiro no Concello de Vigo

Dende a sección sindical de CCOO ven expresar publicamente o seu rexeitamento ante certas, chamémoslle, <<disfuncións>>, que puideron detectar nos procesos selectivos convocados para tres prazas de bombeiro, por quenda de promoción interna, e catro de condutor-bombeiro, por quenda libre, incluídas nas ofertas de emprego público dos anos 2017, 2018 e 2019, e que poden acabar comprometendo o resultado destes procedementos de non ser corrixidas, ademais de comprometer a imaxe de transparencia e rigor que, se supón, debe presidir a calquera proceso de acceso ao emprego público.

Dunha banda poideron comprobar, no que atinxe ao proceso selectivo para as tres prazas funcionariais de bombeiro, a cubrir pola quenda de promoción interna <<entre funcionarios de carreira, integrados na escala da Administración especial, subgrupo E de titulación, que conten cunha antigüidade de cando menos dous anos no corpo e escala da administración especial dende a que promocionan funcionarios de carreira>> (Base específica, epígrafe III, publicadas no BOPPO Núm. 128, Martes, 7 de xullo de 2020), que os únicos aspirantes admitidos non teñen, sequera, a condición de funcionarios de carreira, senón de persoal laboral, o que contravén a propia esencia das bases de selección e a normativa existente, pois se estaría producindo, con esa “irregular admisión”, un proceso de funcionarización encuberta pero á marxe dos requisitos legalmente establecidos para elo.

A Disposición Transitoria 1ª da Lei 2/2015, do 29 de Abril, do Emprego público de Galicia e a Disposición transitoria segunda do Real Decreto Lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, so permiten instrumentar procesos de funcionarización daquel persoal laboral fixo que á entrada en vigor da Lei 7/2007, de 12 de abril, estivese desempeñando funcións de persoal funcionario ou pasase a desempeñalos en virtude de probas de selección ou promoción convocadas antes da devandita data, esixencias que non reúnen os dous aspirantes admitidos a este proceso, xa que adquiriron a condición de persoal laboral fixo do Concello de Vigo nas prazas dende as que pretenden promocionar no ano 2012, trala superación do proceso selectivo da Oferta de emprego Público de 2008 (Vid. Anuncio en DOG Núm. 135,Luns, de 16 de xullo de 2012).

Doutra banda, e polo que respecta ao proceso selectivo convocado para a provisión de catro prazas funcionariais de condutor-bombeiro, por quenda de concurso-oposición libre, comprobaron non sen perplexidade que no BOP de Pontevedra do día Luns, 4 de xaneiro de 2021 foron convocados os aspirantes á realización da primeira proba, prevista para o vindeiro 28 de Xaneiro de 2021, ás 16:30 horas, no Pavillón municipal de Navia, sen que o órgano de selección se constituíse antes para avaliar os méritos dos aspirantes na fase de concurso, tal e como establecen as propias bases selectivas.

Na Base Xeral Décima (BOP de Pontevedra do día Martes, 7 de xullo de 2020, e corrección de erros publicada no BOP do Luns, 26 de outubro de 2020), deixase ben claro que cando o sistema de acceso é o concurso-oposición, <<Nas probas selectivas que se realicen por este sistema, a fase de oposición, que terá carácter obrigatorio e eliminatorio en todos os exercicios, será posterior á fase de concurso>>.

Sen embargo, o Concello convocou aos aspirantes para realizar os exercicios da fase de oposición sen instrumentar e resolver antes a fase de concurso, vulnerando con elo as propias normas do proceso selectivo contidas nas bases.

As <<disfuncións>> detectadas (e falamos de <<disfuncións por evitar cualificativos mais grosos) son de perfecta constatación por calquera cidadán, xa que estes datos, por mor da lexislación vixente en materia de transparencia, son de público acceso a través da propia páxina web do Concello.

Nesta orde de consideracións confiamos que estas <<disfuncións>> sexan inmediatamente corrixidas para non viciar de orixe os procesos convocados, e invitamos a calquera interesado nos dous procesos selectivos que puidese sentirse afectado a que impugne, ante a propia administración municipal, as contravencións denunciadas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.