Rexina Vega conversa coa morte na súa última novela

Unha autoficción que afonda nos vínculos entre unha filla e o seu pai falecido
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Cultura,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Rexina Vega conversa coa morte na súa última novela

“Odio esta casa, este bonito chalet con piscina, dous baños, catro dormitorios, de feito estou aquí para desfacerme dela, para limpar todos os restos que poidan quedarlle de pasado, a sucidade dunhas vidas que xa foron, ese pouso que resta valor de mercado”. Con este punto de partida constrúe Rexina Vega, profesora do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, a súa última novela, O estado intermedio.

Nun ambiente artístico marcado pola pandemia da covid-19, a docente considera que hai unha forte necesidade de produtos culturais porque “cando a condición humana é atacada é preciso repregarse e reflexionar”. Así, a estrea de Vega na Editorial Galaxia constitúe unha autoficción que medita sobre a idea do falecemento e “a relación que temos cos nosos mortos”, segundo afirma a autora, que especifica que o relato “se desenvolve no proceso, tan brutal, tan común, de pechar unha casa, de desfacerse dos obxectos persoais do familiar morto, neste caso unha filla que se desfai da memoria do pai”.

Un libro para mirar a morte con outros ollos

No seu afán por comprender o que ocorre cando unha vida está rematada, O estado intermedio conta a historia dunha moza que tenta vender a vivenda familiar e eliminar os seus recordos, despois do pasamento do seu pai. Porén, no proceso de recolección dos obxectos que alberga o fogar, a filla reconstrúe as vivencias do seu proxenitor e o espírito do home acode á casa nese estado intermedio que avanza o título, unha condición transitoria que teñen os cadáveres cando aínda “non acadaron a frialdade da evocación definitiva”, de acordo coas palabras do profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Manuel Forcadela. A medida que avanza o relato, a muller e o home embárcanse nunha viaxe polo traumático, o sobrenatural e o máxico.

Rexina Vega expón que no seu libro “o achegamento á cultura da morte faise desde moitas claves” e sinala que o substrato galego é evidente, coa influencia de lendas amplamente coñecidas, entre as que sobresae a da Santa Compaña. Con todo, a docente bota en falta na cultura autóctona “un sentido que busque unha maior transcendencia” xa que “a nosa tradición de convivencia co mundo dos mortos incide sempre no aspecto do temor”. Velaí a importancia de incluír na súa novela alusións ao Libro tibetano dos mortos e o budismo, relixión que entende a morte e a vida como estados complementarios, así como á obra Doce teses sobre a economía dos mortos de John Berger.

Neste senso, O estado intermedio achégase ás cuestións menos superficiais do finamento, afastándose das ficcións que traballan con esta problemática desde o terror. Vega asegura que “aprender a morrer, morrer ben, importa” e acha necesario atopar un espazo para pensar nese tránsito “nun mundo como o noso, de capitalismo avanzado, no que a morte está varrida”.

Mestura de “loucura psicodélica, humor negro e alegría zombi”

O libro, escrito en primeira persoa, xorde dunha necesidade de comprensión e reflexión da escritora, que busca a orixe da súa propia obsesión coa morte. A escritura deste texto, afirma Vega, foi un xeito de curar feridas, posto que “converter as cousas que nos ocorren en relato fai que nos produzan menos dano”. Así mesmo, anima a ler a súa obra, na que hai “moito de loucura psicodélica, con humor negro e alegría zombi” alegando que “todos precisamos pensar máis nos mortos”.

O estado intermedio é un traballo de ficción que se alimenta de realidade, unha autoficción que, como apunta a profesora, “implica sempre un desdobramento, o eu que escribe, e que é ficción, fala dun eu dunha época pasada cuxo rostro xa non recoñecería no espello”. Aínda que sexa unha exploración subxectiva, o volume funciona como un argumento universal co que identificarse, unha historia que “vai iluminar aquelas zonas da propia experiencia de quen le”.

Sobre a obra de Vega, Forcadela destaca esta tendencia á universalidade ao definir a novela como “un auténtico ben cultural”, indicando que é unha obra do noso tempo e “de moitos outros tempos vindeiros”. Tamén fala o profesor de “condicións enunciativas particulares”, co que se refire a unha experimentación formal coa que Rexina Vega constrúe o seu calidoscopio literario. Así mesmo, a autora consegue un cóctel novelesco con referencias moi diversas, xuntando, como ela mesma sinala, “a Fermín de Pas co Padre Llanos, a Arias Navarro co coello de Alicia ou a Charcot coa canción do Rascayú”.

 

O último fito nunha nutrida traxectoria

Rexina Vega combina a docencia universitaria, a crítica literaria e os labores de tradución coa escritura de ficción, aínda que a súa experiencia no eido da literatura comezou con textos ensaísticos como Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, co que obtivo o Premio Ricardo Carvalho Calero en 1997.

O estado intermedio conforma unha triloxía con dúas novelas anteriores, Dark Butterfly e Cardume. Esta última foi a súa primeira incursión na narrativa e con ela acadou o XXIV Premio Xerais de Novela no ano 2007. Máis recentemente, en 2018, publicou o seu único libro en español, Nadie duerme.

Comentar noticia

Your email address will not be published.