Rexistrado un tremor de terra de magnitude 3,3 con epicentro en Cartelle

Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Sucesos

Rexistrado un tremor de terra de magnitude 3,3 con epicentro en Cartelle

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou esta noite un movemento sísmico de magnitude 3,3 con epicentro en Cartelle, que foi percibido pola poboación, aínda que sen causar danos.

Tras producirse o tremor, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu, ao fío das 1:05 horas, varias chamadas de veciños do propio municipio ourensán, de Ribadavia e de San Cibrao das Viñas que aseguraban haber sentido un tremor sen que se producise ningunha situación de emerxencia.

Así, postos en comunicación co Instituto Xeográfico Nacional, o persoal do CIAE 112 Galicia confirmou un movemento sísmico con epicentro en Cartelle.

Sismo na Merca
Tamén na provincia de Ourense, concretamente con epicentro no termo municipal da Merca, produciuse outro tremor de terra. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia polo Instituto Xeográfico Nacional, a magnitude deste sismo foi de 2,5.

Neste caso, no CIAE 112 Galicia non se rexistraron chamadas que alertasen do terremoto.

Cómpre destacar que o pasado martes tiveron lugar dous movemento sísmicos na costa de Vigo, un de magnitude de 3,2 cunha profundidade de 5 km e outro de 3,4 cunha fondura de 0 km sen que se rexistrasen danos.