Rexístrase o grupo político metropolitano “MAREA METROPOLITANA”

Estará composto polas persoas representantes das catro forzas municipalistas ACE, Gañamos, Marea de Vigo e Movemento Salceda, representando Cangas, Mos, Vigo e Salceda.
Por o 22/12/2016 | Sección: ACE,GañaMOS,Marea Vigo,Política,Vigo
Rexístrase o grupo político metropolitano “MAREA METROPOLITANA”
Compartir en:

O Grupo acordou un funcionamento interno onde a portavocía será repartida entre, no primeiro tramo da lexislatura, Rubén Pérez Correa, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, e no segundo tramo, Francisco Vázquez Troitiño, concelleiro de Gañamos Alternativa Veciñal, pero, coa excepción de que as intervencións nos plenos da Área se decidirán baixo un lóxico criterio de territorio e temática, onde intervirá entón a persoa mais adecuada en cada momento.

Con respecto á controversia existente sobre o transporte metropolitano, a Marea Metropolitana, unha vez constituídos os grupos, solicitará unha comisión especial no pleno para ditaminar sobre as interpretacións das dúas administracións, Xunta e Concello de Vigo.

Consideramos que, de facto, o transporte urbano de Vigo xa está no transporte metropolitano ao incluírse o convenio entre as partes, e o problema e interpretativo e facilmente solucionado se hai vontade entre as partes.

Marea Metropolitana non vai entrar no xogo entre o PP e Abel Caballero iniciado xa no mesmo día da constitución da Área, onde os populares escenificaron dun xeito bochornoso o que ía ser o comezo desta disputa. A Marea Metropolitana considera que a controversia soamente se pode solucionar dun xeito, con diálogo e debate dentro do seo da Área, e, de non resolverse, acudindo ao tribunal contencioso-administrativo.

Para o Grupo Marea Metropolitana, a postura que está tomando o Partido Popular con respecto a Área resulta incomprensible dende o punto de vista da defensa da cidadanía dos concellos da propia Área, e completamente interesada á hora de atacar politicamente a Abel Caballero, posto que deste xeito están poñendo os seus intereses políticos por enriba do feito de que levamos xa anos nos que os concellos que precisamente non son Vigo están pagando por un servizo que non teñen e estas posicións o que fan e dilatar mais a situación.

Por outra banda, Marea Metropolitana entende, como pasa en todas as áreas metropolitanas que están constituídas, que o alcalde da cidade “motora”, que o fin e o cabo lle da o nome a área, ten que ser o presidente da mesma, pero sendo conscientes de que a actitude do actual titular da alcaldía de Vigo, entendendo o órgano como unha estrutura presidencialista, choca frontalmente co xeito da Marea Metropolitana de entender o funcionamento democrático da área metropolitana.