Rías Baixas, por un Turismo multiexperiencial

O novo Plan estratéxico de turismo xira ao redor de sete elementos chave na súa procura dun turismo de calidade, sustentable e desestacionalizador
Publicado por o día 15/01/2018 na sección de Turismo

Rías Baixas, por un Turismo multiexperiencial

Comeza o Plan estratéxico de turismo de Pontevedra 2018-2020, e con iso os primeiros pasos para converter Rías Baixas nun destino cada vez máis atractivo, no que se manteñan os seus valores de calidade, sustentabilidade e o tan ansiado factor desestacionalizador.

Para a consecución destes propósitos, un dos primeiros pasos será diversificar os diferentes bens cos que conta a provincia e fomentalos a través de produtos específicos. De maneira que Rías Baixas se transforme nunha opción multiexperiencial.

Sete son os elementos sobre os que vai rodar a nova promoción que se desenvolverá neste trienio que acaba de comezar. Estes son: o patrimonio, a auga e o mar, a enogastronomía, a arqueoloxía, a natureza, os Camiños de Santiago e os festivais de música.

Dentro do marco do seu patrimonio, o “Plan” distingue ata nove liñas de actuación diferenciadas nas que a provincia ten moito que mostrar e destacar:

Patrimonio Fortificado: promocionarase todo o relacionado con torres e castelos, como Soutomaior, Sobroso, Salvaterra, Cambados e Monterreal.

Patrimonio Arqueolóxico: outro punto que destacar grazas ao legado castrexo que existe en Galicia. Sobresaen os xacementos galaicos de Santa Trega, Monte do Facho, A Lanzada, Alobre, Castrolandín, e Monte do Castro.

O Patrimonio de Rías Baixas distingue ata nove liñas de actuación diferenciadas nas que a provincia ten moito que mostrar e destacar

Patrimonio Paisaxístico: enmarcará os espazos verdes como os xardíns do Pazo de Rubians, Lourizán, o Xardín Botánico de Caldas de Reis, Pazo de Oca e Quiñones de León.

Patrimonio Literario: o legado de artistas de letras será outro punto de atención, centrado en artistas como Vale-Inclán, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals ou Julio Verne.

Patrimonio Relixioso e Espiritual: onde se recollerá a beleza e importancia dos diferentes templos da provincia, como a Catedral de Tui, ou os mosteiros de Carboeiro, Poio, A Armenteira , Acibeiro e Oia .

Patrimonio Inmaterial: centrado en espallar e promocionar a Galicia máxica de mitos, lendas e tradicións.

Patrimonio Natural: neste espazo incluirase a fauna e a flora, como as aves que recalan e residen en Pontevedra, ou as “senlleiras” que levan decenas de anos ou séculos acompañándonos.

Patrimonio Etnográfico e Cultural: dedicado ao universo cultural, como os museos e as galerías.

Patrimonio e Mosteiros: a partir da cal crearase un novo percorrido coa Ruta dos Mosteiros.

O resto de elementos do Plan estratéxico terán o seu propio espazo e tamén se buscará a súa diversificación para diferentes públicos. Así mesmo, a “auga e mar” estará centrado en promocionar o mar e os ríos, tanto da costa como do interior da provincia.

O elemento dedicado á “enogastronomía” virará ao redor das innumerables festas gastronómicas das que moitas xa están certificadas como Festas de Interese Turístico de Galicia e das que se buscará fomentar con novas experiencias.

A “arqueoloxía” tamén será outro punto de converxencia turística, grazas aos diferentes xacementos e pinturas rupestres escondidas en zonas de alto valor natural.

A “natureza” autóctona, pola súa banda, será un dos alicerces para fomentar o turismo rural e o turismo de interior.

Así mesmo, a través do Camiño de Santiago, emprenderanse novas actividades e opcións das que xa se poden nomear un Camiño de Santiago Enogastronómico, outro Multicultural, e outro Excelente.

Para finalizar, e como broche a toda esta serie de experiencias e actividades, os Rías Baixas Fests continuarán formando parte das actividades festivas de cada tempada estival.