Ribadumia acolle a 4ª regata da Liga Galega de Promoción do Slalom

Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Deportes,Galicia,Piragüismo,Ribadumia

Ribadumia acolle a 4ª regata da Liga Galega de Promoción do Slalom

O Concello de Ribadumia informa de que este sábado, día 2 de xuño, celebrarase no municipio a cuarta regata da Liga Galega de Promoción de Slalom, organizada dende a Federación Galega de Piragüismo e o propio Concello.

Coa acollida desta proba, o Concello pretende, unha vez máis, fomentar a práctica do deporte, principalmente entre os máis pequenos. A proba súmase así a tódolos eventos deportivos -de diversas disciplinas- apoiados ou promovidos dende o Concello, nesta ocasión cunha especial significación, xa que Ribadumia conta cunha fabulosa canteira de padexeiros.

Preto de 100 nenos e nenas de diferentes puntos da comunidade, de entre 6 e 12 anos, participarán na competición que arrinca na Ponte de Cabanelas ás 11:00 horas. A xornada rematará co reparto de trofeos entre os gañadores de cada categoría: alevíns, benxamíns e infantís.

Serán cinco os clubs con representación nesta regata, que ten un percorrido duns 200 metros polo Umia, e unha dificultade adaptada aos cativos e cativas.

A alta participación de pequenos neste tipo de eventos non é máis que unha mostra da gran canteira que Galicia aporta a este deporte, así como do crecemento de público e afeccionados a súa práctica.