O Concello de Ribadumia informa que se están a organizar conxuntamente con entidades da Parroquia de Ribadumia e de Leiro os actos conmemorativos dos 75 anos de pastoral de D. Dositeo Valiñas.
En agosto de fai 75 anos chegou a Ribadumia como capelán quen despois sería nomeado cura-párroco de Santa Baia de Ribadumia e no 1982 tamén de San Xoan de Leiro, D. Dositeo Valiñas Fernández.
Este é un feito excepcional para o cal o Concello de Ribadumia e as entidades das parroquias querían realizar unha celebración especial na que todos os fregueses poidan festexar con D. Dositeo esta efeméride. Así o próximo día 7 de setembro están organizados os actos que comezarán as 12 horas coa recepción das autoridades eclesiásticas e civís, para pasar a continuación a misa solemne oficiada na Parroquia de Santa Baia de Ribadumia polo Arcebispo Xulián Barrio.
A continuación a celebración trasládase a Carballeira de Ribadumia acompañados pola Agrupación Músico-cultural para un xantar popular, o cal en caso de choiva será trasladado para o Pavillón de Deportes de Ribadumia e para o que dende o Concello se agradece a todos os veciños interesados en asistir que o comuniquen para previsión da organización.
Como sobremesa chegarán diversas actuacións musicais que encherán de emoción a todo o público asistente da man do grupo Añoranza, Dúo As Lembranzas, Amigos do Acordeón Rías Baixas e Grupo de gaitas “Os Carballeiras”, grupos que quixeron así aportar o seu gran de area poñendo o seu bo facer musical para amenizar esta celebración.
Unha data para gardar no recordo de todos os asistentes posto que se celebra toda unha vida de dedicación a un pobo posto que nestes 75 anos D. Dositeo desenvolveu unha labor constante e fecunda levando a cabo accións como a creación dunha escola de baile tradicional ou unha cooperativa agrícola, ademais de estar moi vinculado ó deporte pois foi fundador do CD Ribadumia. E sendo feliz entre os seus fregueses foi impulsor de celebracións como a Festa dos Maiores ou a Romaría de Santa Baia.
Convidamos así a todos os veciños a que veñan a compartir a conmemoración dos 75 anos de pastoral de D. Dositeo Valiñas Fernández.
Noticias de última hora en Vigo