Ribadumia e Vila de Cruces recibirán máis de 17.000 euros para as axudas básicas de emerxencia

A Deputación xa ten aprobado máis de 450.000 euros para este programa que atende as demandas de urxente necesidade da veciñanza en situación ou risco de exclusión social
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Ribadumia

Ribadumia e Vila de Cruces recibirán máis de 17.000 euros para as axudas básicas de emerxencia

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar as axudas básicas de emerxencia 2018 para os concellos de Ribadumia e de Vila de Cruces. Déuselle o visto bo a un total de 17.150 euros, 9.500 euros para Ribadumia e outros 7.650 euros para Vila de Cruces.

Trátase do quinto grupo de axudas básicas de emerxencia aprobadas pola Xunta de Goberno no que vai de ano 2018. En maio aprobáronse as partidas para 41 concellos da provincia por un importe total de 372.500 euros; en xuño e mailas axudas para outros tres concellos cun total de 26.200 euros. No pasado mes de xullo, déuselle o visto bo a un novo grupo de axudas para outros dous municipios por un importe de 17.200 euros, e a finais de mes, a outros dous municipios cun total de 17.300 euros.

En conxunto, ata agora o Goberno provincial leva aprobados 450.350 euros para as axudas básicas de emerxencia en 50 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.  Neste ano 2018,  o importe total da Deputación para estas axudas é de 465.000 euros. Durante o ano pasado, este programa deu cobertura ás necesidades básicas de 1.861 familias da provincia. Delas, 1.067 tiñan menores ao seu cargo, 1.150 tiñan ambos proxenitores en situación de desemprego e 321 eran familias monoparentais.

As axudas básicas de emerxencia destínanse aos concellos de menos de 20.000 habitantes e teñen por obxecto atender as demandas de urxente e puntual necesidade da veciñanza en situación ou en risco de exclusión social, con especial atención ás persoas con menores a cargo. A tipoloxía das axudas cubre diferentes gastos: alimentación, uso de vivenda, pagamento de recibos, produtos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, desprazamentos, lentes e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio para persoas con dependencia ou discapacidade ou axudas de apoio á infancia.