Ribadumia vístese de gala para a festa grande

Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

Ribadumia vístese de gala para a festa grande

O Concello de Ribadumia informa de que este ano a “Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas” chega con algunha que outra novidade, nas que os comercios da zona estarán máis implicados que nunca.

Nas reunións entre comerciantes e Concello que se viñan mantendo os pasados días, tomouse a decisión de levar a cabo varias iniciativas coas que animar aínda máis o ambiente da celebración que homenaxea un dos produtos estrela da comarca.

Por unha banda, as rúas de Barrantes estarán nesta ocasión máis decoradas que en edicións pasadas, creando unha atmosfera na que o festexo impregnará todo tipo de comercios. Acios de uvas xigantes e moquetas da cor do viño adornarán os establecementos, que se visten de gala para render homenaxe ao tinto no seu día.

Ademais, este ano os postos de venta entregarán aos que se acheguen a probar os seus produtos unha rifa. Con ela, os presentes poderán participar nun sorteo de vales para consumir en varios establecementos do municipio. Os concursos celebrarase o sábado e o domingo ao longo da tarde na carpa dos stands. 1500 papeletas serán repartidas entre o público que se achegue eses días a desfrutar co festa grande de Ribadumia.