Risco de abandono en montes veciñais con convenio afectados polos lumes

A normativa que entrou en vigor este ano permite que a Xunta cancele de oficio os convenios coas comunidades moi afectadas por incendios, que quedarían cun monte calcinado e descapitalizadas
Publicado por o día 17/03/2018 na sección de Medio Ambiente,Social

Risco de abandono en montes veciñais con convenio afectados polos lumes

As comunidades de montes afectadas polos lumes e que manteñen convenios coa Xunta están preocupadas polo posible abandono no que poden quedar os seus montes. A Administración autonómica aprobou -a través da lei de acompañamento dos presupostos- unha normativa que lle permite extinguir de oficio os convenios en montes veciñais que teñan menos dun 30% da superficie con arborado superior a 5 anos, unha porcentaxe á que non chegan parte dos montes veciñais afectados polos incendios do outono e anteriores anos.

A saída da Xunta como xestora dos montes veciñais afectados por lumes deixaría ás comunidades propietarias cun monte queimado e descapitalizadas para afrontar a súa recuperación. O problema constatouse nunha reunión que mantivo esta semana a Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes socias de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Os representantes das comunidades coincidiron en demandar un plan público para a recuperación dos montes veciñais.

Evitar as cancelacións de oficio sen o consenso coa propiedade

A Asociación Forestal de Galicia insiste en que deben evitarse as cancelacións de oficio se non está garantida a capacidade económica da propiedade para desenvolver unha xestión sostible do seu monte. Por iso se pide que, no caso de non ser solicitada a cancelación por parte da comunidade propietaria, antes de cancelar de oficio un convenio por parte da Administración, teñan que existir garantías de viabilidade económica para eses montes.

Ademais, no caso de montes afectados de forma grave polos lumes, faríase necesario a elaboración dun plan de restauración dos montes antes de transferir a xestión. As comunidades de montes de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes piden que a Administración forestal non faga deixación das súas funcións porque é a gran responsable da situación actual dos montes en convenio.

Se a Xunta inicia as cancelacións de oficio dos convenios nos montes afectados polos lumes, as súas comunidades propietarias recibirán un monte sen recursos que entrará no círculo vicioso da ausencia de xestión, abandono e un incremento do risco de novos lumes.

Por último, é necesario ter en conta a situación demográfica en moitas das áreas rurais de Galicia xa que a inexistencia dun relevo xeracional nas xuntas reitoras das comunidades de montes dificúltalles asumir a xestión dos seus montes.

Reunión coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal

A Asociación Forestal de Galicia ten solicitada unha reunión coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal para abordar esta e outras preocupacións das comunidades de montes e dos propietarios forestais particulares. Tamén se solicitaron reunións a pasada semana con tódolos grupos parlamentarios.