Afundación inicia o seu programa de teatro para escolares cunha obra sobre o uso das novas tecnoloxías a cargo de estudantes de ESO

As representacións de @ ritmo de golpes serán o 15, 16 e 17 de outubro con dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Galicia,Vigo

Afundación inicia o seu programa de teatro para escolares cunha obra sobre o uso das novas tecnoloxías a cargo de estudantes de ESO

Afundación, a Obra Social de ABANCA, inicia a súa programación de representacións teatrais para escolares coa proposta @ ritmo de golpes, unha obra sobre o bo uso das novas tecnoloxías representada por estudantes de ESO do C. E. Severo Ochoa de Los Garres (Murcia). Sairán a escena o martes 15, o mércores 16 e o xoves 17 de outubro no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo con dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h.

Máis de 2300 alumnas e alumnos de centros escolares de Vigo e arredores acudirán a ver esta obra que trata temas como a solidariedade, a capacidade de esforzo, a amizade ou a fortaleza, protagonizada por 25 estudantes de secundaria. Un musical que relata mediante o teatro, a percusión, o rap e a danza a historia que transcorre nun gabinete de psicoloxía no que coinciden un rapaz adicto aos videoxogos, un adulto adicto ao móbil, un influencer e unha adolescente con fobia ao móbil froito do ciberbullying que está a padecer. Nesta función os móbiles non só non están prohibidos, senón que serán obligatorios.

EDUCACIÓN EN VALORES

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.