Rodeando o Parlamento, a cidadanía quere protexelo da troika e dignificar a quen sí representan e defenden ao pobo

Publicado por o día 20/06/2014 na sección de Espazo Ecosocialista,Vigo

Rodeando o Parlamento, a cidadanía quere protexelo da troika e dignificar a quen sí representan e defenden ao pobo
  • Espazo apoia a convocatoria das Marchas da Dignidade de “rodear “, mañá sábado 21 de xuño, o Parlamento de Galicia, e anima á cidadanía a encher de mobilización e dignidade a rúa do Hórreo.
  • Pola tarde, Espazo celebrará o seu Consello Aberto Nacional, para facer balance do curso político e das recentes eleccións europeas, con especial atención aos cambios que AGE debe adoptar atendendo á nova situación política galega.

 A cidadanía crítica galega temos mañá, sábado 21 de xuño  ás 12:00, unha cita no Parlamento de Galicia, para “rodealo” masivamente, convocados polas Marchas da Dignidade, compostas por unha gran suma de organizacións sociais e políticas, entre as que se atopa Espazo.

“Despois do espectáculo case “medieval” vivido onte coa coroación real, e ante a situación de permanente retroceso en dereitos, temos a obriga de defender o noso Parlamento tanto das inxerencias especuladoras da troika e a actitude servil e incondicional do goberno do PP de Feijoo”, destacan dende a formación ecosocialista.

Por iso, en opinión de Espazo “rodeando” masivamente o Parlamento queremos recoñecer aos e as parlamentarias que si representan e defenden ao pobo, como ocorre co grupo parlamentar de AGE, que está a ser o altofalante da cidadanía galega”.

Despois da mobilización, Espazo reunirá ao seu Consello Aberto Nacional, culminando o proceso de debate interno para valorar o curso político e especialmente todo o proceso e os resultados das recentes eleccións europeas, ás que Espazo concorreu na coalición AGE en Europa, xunto con Esquerda Unida e Anova.

“Ante a situación de degradación social e política que vivimos, AGE ten que actuar rapidamente, e pór en marcha os procesos de estruturación e apertura política necesarios desde que a coalición botou andar fai case 2 anos”, lembran desde Espazo, que tamén saúdan moi positivamente que dende as outras forzas de AGE haxa voces autorizadas que tamén sinalen a necesidade de que AGE sexa unha realidade política fora do Parlamento de Galicia, e agora tamén do Parlamento Europeo.

CONVOCATORIA:

– Día: sábado 21 de Xuño

– Hora: 16:30 horas

– Lugar: Salón Belvis, Hotel Virxe da Cerca (rúa Virxe da Cerca 27, Santiago de Compostela)

– Asunto: Xuntanza do Consello Aberto Nacional do Espazo Ecosocialista Galego

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA