Román Rodríguez compromete o apoio do PP ás escolas e bandas de música a través de axudas

Publicado por o día 08/09/2016 na sección de Cultura,Eleccións Galegas,Partido Popular

Román Rodríguez compromete o apoio do PP ás escolas e bandas de música a través de axudas

Román Rodríguez, candidato ao Parlamento de Galicia por Pontevedra, comprometeuse en Vigo a apoiar ás escolas de música e ás bandas de música cun obxectivo prioritario que é o de asegurar, fomentar e recoñecer o labor formativo, social e educativo que levan a cabo estas entidades.

Nun acto no que estivo acompañado por Teresa Egerique, número tres da lista do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, Román Rodríguez destacou o traballo que levan a cabo tanto as escolas como as bandas de música na formación tanto desde o punto de vista musical e da formación en valores.

Trátase, segundo dixo Román Rodríguez, de apoiar ás familias que apostan pola formación musical dos seus fillos e fillas, apoiar ás escolas de música polo labor educativo e pedagóxico que exercen, e apoiar a proxección das bandas de música como elementos de referencia na identidade cultural de Galicia. A este respecto o candidato do PP por Pontevedra subliñou que “o movemento bandístico é algo moi noso, moi de Galicia, e se cabe, máis aínda de Pontevedra”.

Román Rodríguez reiterou o compromiso de apoiar a estas entidades tanto no plano económico a través de liñas de axudas específicas, coma no plano organizativo mediante da colaboración en organización de eventos divulgativos, intercambio de experiencias e formación das estruturas do profesorado das escolas e das bandas. En definitiva, promover experiencias e liñas de traballo que contribúan a manter as boas prácticas das escolas e o prestixio das nosas bandas de música.

A día de hoxe en Galicia están funcionando 73 escolas municipais de música (ESMU) con autorización da Consellería e outras 33 escolas privadas de música (EMUSPR) que se verán beneficiadas por este apoio.

Canto a Bandas de Música, a meirande parte delas (un cento delas cuns 6.000 músicos) están asociadas á Federación Galega de Bandas de Música.