Román Rodríguez convida ao tecido cultural vigués a presentar as súas iniciativas ao fondo de proxectos Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, participou nunha videoconferencia con axentes culturais da cidade
Publicado por o día 02/06/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Román Rodríguez convida ao tecido cultural vigués a presentar as súas iniciativas ao fondo de proxectos Xacobeo 2021

O conselleiro de Cultura e Turismo, convidou hoxe aos axentes que conforman o tecido cultural vigués a presentar as súas iniciativas ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, cuxo prazo para recibir solicitudes permanece aberto desde o pasado día 25 de maio ata o próximo 31 de xullo. Fíxoo durante un encontro por videoconferencia con máis dunha vintena de axentes culturais da área de Vigo no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na cidade olívica, Corina Porro.

Durante a xuntanza, Román Rodríguez detallou algunhas das medidas recollidas no Plan de Reactivación do sector cultural para apoiar aos profesionais desta industria afectadas pola crise derivada do covid-19. Entre elas, referiuse a este fondo, dotado con 1,5 millóns de euros, para financiar novas propostas creativas.

Tal e como figura nas bases desta iniciativa, poderán acceder ás axudas do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 todas as ramas do sector cultural que promovan proxectos virtuais ou que se vaian realizar de xeito presencial baixo as condicións que a situación sanitaria permita. Entre as disciplinas que se inclúen destaca a lingua, as artes escénicas, teatro, danza, música, artes plásticas, literatura, divulgación, patrimonio ou o turismo cultural, entre outros.

As iniciativas optarán a un investimento máximo de 10.000€ no caso de tratarse de empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro que xeren emprego, ou de 4.000 euros se se trata de profesionais autónomos. En calquera caso, esta contía pode supoñer o financiamento do 100% do proxecto. As iniciativas poderán ser compatibles coas axudas doutras entidades ou mesmo da Xunta de Galicia, pero non coas da Consellería de Cultura e Turismo para o mesmo proxecto, co fin de poder chegar ao maior número de beneficiarios posibles.

Na primeira das tres modalidades do Fondo Xacobeo 2021 incluiranse os proxectos musicais, audiovisuais e de artes escénicas. Na segunda terán cabida os proxectos para dinamizar a lingua galega, o patrimonio cultural e os proxectos editoriais, literarios e expositivos. A última das modalidades está dirixida ao ámbito xacobeo, turístico, xeográfico, paisaxístico, gastronómico e de usos e costumes sociais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.