Román Rodríguez destaca os vínculos entre o deporte e a Ruta Xacobea na presentación de ‘El camino acaba en Obradoiro’

A ex xogadora de baloncesto Amaya Valdemoro percorrerá a Vía da Prata nesta iniciativa, impulsada por Monbus Obradoiro e que conta coa colaboración da Xunta
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Deportes,Xunta de Galicia

Román Rodríguez destaca os vínculos entre o deporte e a Ruta Xacobea na presentación de ‘El camino acaba en Obradoiro’

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou os vínculos entre o deporte e o Camiño de Santiago na presentación da V edición do proxecto El Camino acaba en Obradoiro, que este ano estará protagonizado pola ex xogadora de baloncesto Amaya Valdemoro.

A iniciativa, promovida por Monbus Obradoiro e que conta coa colaboración económica da Xunta, recollerá de xeito audiovisual a experiencia da deportista percorrendo unha das rutas do Camiño de Santiago, en concreto, da Vía da Prata. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo lembrou que tanto a Ruta Xacobea como a práctica deportiva comparten principios como o “compromiso, o compañeirismo ou a aposta pola inclusión”.

“Son valores que invitan ao entendemento entre as persoas, e que se farán visibles neste proxecto, que contribuirá aínda máis á internacionalización das nosas rutas xacobeas”, explicou Román Rodríguez. No referente á ruta que percorrerá Amaya Valdemoro, a Vía da Prata, o responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego engadiu que este camiño experimentou un incremento de peregrinos de preto do 8% nos últimos cinco anos, e no que vai de ano xa foi percorrido por 4.000 persoas.

Precisamente, o titular deste departamento lembrou que esta ruta protagoniza este ano os investimentos do Plan Director do Camiño de Santiago, un plan que contempla achegas de tres millóns de euros para a súa mellora e sinalización e para accións de promoción e dinamización deste traxecto.

Difusión do Xacobeo 21

A Consellería de Cultura e Turismo inviste un total de 100.000 euros no impulso desta iniciativa que ten por obxectivo a internacionalización e difusión do Camiño de Santiago. Neste sentido, Román Rodríguez subliñou que esta actividade se enmarca na antesala do próximo Xacobeo 21, unha celebración que estará marcada “polo seu carácter colaborativo”.

O titular de Cultura e Turismo subliñou que o carácter participativo do próximo Ano Santo tamén quedará reflectido no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, un documento que se presentará no mes de xullo e no que se incorporarán “propostas de toda a sociedade”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.