Román Rodríguez e Ángeles Vázquez visitan o Festival de la Luz, adherido á marca Fest Galicia impulsada pola Xunta

Os conselleiros de Cultura e do Medio Rural visitaron esta mañá o recinto, que aglutina durante esta fin de semana máis de 40 concertos e actividades para todos os públicos
Publicado por o día 09/09/2018 na sección de Eventos

Román Rodríguez e Ángeles Vázquez visitan o Festival de la Luz, adherido á marca Fest Galicia impulsada pola Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e maila conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaron a pasda mañá de onte o Festival de la Luz, que esta fin de semana se celebra na localidade coruñesa de Boimorto, e que se encargou de abrir a súa creadora e impulsora, a artista Luz Casal.

Esta sétima edición concentra durante dous días un amplo cartel de máis de 40 concertos e diversas actividades para todos os públicos, así como un mercado de produtos galegos de calidade, unha zona infantil con programación musical propia e un gastroespazo con propostas de importantes chefs galegos.

Galicia como destino musical de referencia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, fixo fincapé en que este evento volve contar co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) cunha subvención de 20.168 euros (dentro do total de 280.000 euros dos que se benefician outros 11 grandes eventos musicais galegos); e está adherido á marca FEST Galicia, creada para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. A esta marca, están asociados 10 festivais de verán que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Precisamente o conselleiro visitou o stand de FEST Galicia, un espazo onde se promoven distintas accións dos departamentos de Política Lingüística, Igualdade e Xuventude da Xunta co fin de difundir información e sensibilizar sobre ámbitos específicos relacionados co idioma, a xuventude ou a perspectiva de xénero entre outros.

Selos agroalimentarios de calidade

A Consellería do Medio Rural promociona os 33 selos agroalimentarios de calidade nun stand no Festival de La Luz. A conselleira aproveitou a súa visita ao festival para destacar a importancia deste certame e lembrou que nuns días será galardoado cun dos premios Agader ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural, na categoría de cultura e recuperación patrimonial. “Non se trata só dunha cita musical, senón que aquí promociónase a nosa tradición, cultura e tamén gastronomía, porque se Galicia destaca é pola súa calidade en todos estes ámbitos”.

Nesta edición, o departamento de Medio Rural conta cun stand propio de 125 metros cadrados que ten unha zona de entretemento infantil con talleres varios; unha área atendida por persoal dos catro consellos reguladores dos queixos e da IXP Mel de Galicia, onde haberá diversas actividades de presentación e degustación; e unha zona para a promoción e divulgación da marca “Galega 100%”. Así mesmo hai un espazo onde os visitantes poderán ter información sobre os 33 produtos de calidade galegos e poder degustar varios deles. O orzamento que destina a consellería nesta cita supera os 34.000 euros.