Román Rodríguez pon en valor a importancia dos xeodestinos, símbolo da unión entre municipios para potenciar o turismo

O conselleiro asistiu á sinatura do convenio para a creación do novo xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, no que se integran 14 concellos pontevedreses
Por o 17/10/2018 | Sección: Turismo
Román Rodríguez pon en valor a importancia dos xeodestinos, símbolo da unión entre municipios para potenciar o turismo
Compartir en:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, puxo en valor a importancia dos xeodestinos porque, nas súas palabras, son un símbolo da unión e suma de vontades entre municipios co fin último de potenciar o turismo. De feito, actúan como grandes catalizadores do desenvolvemento turístico de Galicia, ao mesmo tempo que axudan a xerar máis competitividade, promoven a desestacionalización da demanda, a especialización da oferta e a diversificación dos fluxos, tres dos principais obxectivos da Estratexia do Turismo de Galicia 2020.

Así o trasladou con motivo da sinatura do convenio de creación do novo xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, que engloba 14 concellos –Baiona, Fornelo de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Soutomaior, O Rosal, Tomiño e Tui– e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR14). O conselleiro agradeceu a implicación de todos os municipios, cuxa colaboración fai posible o desenvolvemento dun novo xeodestino, sentando as bases para futuras colaboracións.

Así mesmo, Román Rodríguez destacou o crecente potencial turístico desta zona, posto que, ata agosto, a Ría de Vigo e Baixo Miño recibiu máis de 450.000 turistas, o que supón un 3% máis con respecto a 2017. A ocupación hoteleira destes visitantes tamén experimentou unha mellora en máis dun punto e, no que se refire á súa procedencia, os turistas internacionais subiron un 14,3% ata superar os 135.000.

Ao acto de sinatura tamén asistiu a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Ignacio López-Chaves.

Ampla colaboración coas entidades locais

A maiores dos convenios asinados cos diferentes xeodestinos, que supoñen un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, a Consellería de Cultura e Turismo mantén unha ampla liña de colaboración e apoio cos concellos e o resto de entidades locais. O obxectivo final é lograr que os beneficios sociais, económicos e culturais do turismo cheguen a máis galegos, especialmente en zonas rurais.

Neste contexto, e co fin de acadar os obxectivos de competitividade, conservación, diversificación e desestacionalización de viaxeiros incluídos na Estratexia, a Consellería dispón, entre outras accións, de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora nas infraestruturas. Trátase de fondos propios da Xunta –o que constitúe unha novidade da última convocatoria pois nas anteriores eran fondos europeos– que buscan mellorar a accesibilidade e a sinalización dos recursos.

Este ano, esta liña, que contou cun orzamento superior aos 2,8 millóns de euros, beneficiou a 107 entidades locais, entre as que se inclúen concellos, agrupación de concellos, consorcios ou mancomunidades. Ademais, a estas subvencións engádense un total de 57 convenios asinados con outros tantos concellos para o mesmo fin, que supoñen a mobilización de máis de 1,2 millóns de euros.

Así mesmo, o departamento que dirixe Román Rodríguez tamén dispón de axudas para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de Interese Turístico de Galicia (cunha partida de 300.000 euros); así como outros 300.000 euros para os concellos declarados municipios turísticos e xeodestinos co fin de que poidan contratar persoal nas súas oficinas de turismo de xuño a setembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.