Román Rodríguez presenta o proxecto de ampliación do Museo do Pobo Galego

ncrementará a súa superficie en 1600 metros cadrados que acollerán un novo espazo expositivo da Galicia contemporánea
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Cultura

Román Rodríguez presenta o proxecto de ampliación do Museo do Pobo Galego

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de ampliación do Museo do Pobo Galego, que incrementará a súa superficie en 1600 metros cadrados para acoller un novo espazo expositivo. A inversión ascende a 2,9 millóns de euros e os traballos rematarán antes do vindeiro Xacobeo 2021. “Esta ampliación completa o Museo e constitúe un exemplo de colaboración entre o Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago”, destacou o conselleiro.

No marco desta actuación, adecuarase a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval, ao tempo que o Padroado do Museo do Pobo Galego comezará a traballar na musealización do futuro espazo de exposicións.

O titular da carteira de Cultura e Turismo apuntou que cun percorrido polas salas actuais do Museo, o visitante pode ter unha imaxe detallada da historia de Galicia e dos elementos que dan forma á identidade do pobo galego. Agora, grazas á ampliación, o Museo amosará a Galicia máis contemporánea a través da historia democrática e autonómica. Así, poderá ofrecer un cadro completo de Galicia.

Román Rodríguez fixo fincapé en que durante o Xacobeo 21 serán centos de miles os peregrinos que visiten a cidade procedentes de diversos puntos do mundo e “o Museo do Pobo Galego, xunto co Centro Galego de Arte Contemporáneo, serán un polo tractor para o turismo”. “Sen dúbida, a Catedral e a Praza do Obradoiro son puntos centrais de Compostela, pero tamén debemos abrir o resto da cidade e de Galicia aos visitantes ampliando a oferta e ofrecendo alternativas de calidade que descubran outras caras de Santiago e do noso país”, engadiu o conselleiro.

Melloras no Museo do Pobo Galego

Os traballos desta ampliación inclúen a intervención nas fachadas do edificio e a renovación completa das cubertas. Ademais, procederase ao illamento térmico do inmoble, xunto á realización de labores de fontanería, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións.

A actuación tamén prevé a substitución de toda a estrutura portante do chan que se atopa en mal estado, refacer os forxados, a instalación dun ascensor de alta capacidade

e de baños novos. Por outra banda, construirase unha escaleira de comunicación vertical que unirá todas as plantas do edificio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.